Pontevedra volve acoller este martes 22 unha dobre oferta para os cinéfilos da capital. Á habitual sesión do Cineclube de Pontevedra súmase o segundo pase do ciclo Voces Rotas, organizado por Afundación e no que se proxectan películas recentes que tratan sobre diferentes problemáticas sociais.
Esta vez tócalle a vez a 'Spotlight', o laureado filme de Tom McCarthy que no 2016 fíxose co Oscar á mellor película e o mellor guion orixinal. Nela nárrase a historia real sobre a labor de investigación dun grupo de xornalistas do Boston Globe que destapou numerosos escándalos de pederastia agochados ó longo de décadas pola igrexa católica en Massachusetts.
É unha cinta que conta cun reparto estelar con Michael Keaton ó fronte e que tamén conseguiu nominacións ós premios da academia para Mark Ruffalo e Rachel McAdams. A proxección realizarase na sede de Afundación en Pontevedra ás 19.00 con entrada de balde ata completar o aforo.
Pola súa parte o Cineclube de Pontevedra proxectará 'Todos chamámonos Ali', do director alemán Rainer Werner Fassbinder. Non abandonamos as problemáticas sociais, xa que nesta historia de prexuizos e diferenza de clases asistimos ao romance entre Ali, un inmigrante marroquí, e Emmi, unha viuva alemá. O seu amor xerará un rexeitamento unánime de todos os seus círculos, dende veciños e amigos ata a súa propia familia.
É unha das cintas máis celebradas dun dos principais representantes do novo cinema alemán e que lle valeu dous premios no Festival de Cannes en 1974. A proxección realizarase en versión orixinal con subtítulos e no lugar e horario habituais: ás 20.30 horas no Teatro Principal, cunha entrada de dous euros.
Ficha
Título: Spotlight
Director: Tom McCarthy
Ano: 2015
País: Estados Unidos
Duración: 128 min.
Ficha
Título: Todos nos chamamos Alí ( Angst essen Seele auf)
Director: Rainer Werner Fassbinder
Ano: 1974
País: Alemaña
Duración: 93 min.
Versión Orixinal: Alemán