A orquestra folk SonDeSeuactuará en Ponte Caldelas este domingo 25 agosto no marco do programa +Música financiado pola Deputación de Pontevedra.
Os concertos de SonDeSeu son unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana, apostando polo valor da música de raíz que o converten nun referente da música galega no panorama internacional.
Integrada por gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada, a agrupación musical comezou a súa andaina en 2001 no seo do antigo Conservatorio de Música Tradicional da Universidade Popular de Vigo (a actual ETRAD).
Este concerto forma parte da programación da Festa dos Dores de Ponte Caldelas e trátase dunha das 59 actuacións que se están a celebrar entre maio e setembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.
O grupo actuará na Alameda da vila a partir das 21:00 horas.