'SON PO2', a iniciativa do Concello que mestura o modelo de cidade coa música local

Pontevedra
07 de febreiro 2022

Mesturar música local, vídeo e modelo de cidade é o obxectivo da iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra 'SON PO2'. O proxecto conta coas propostas musicais de O Rabelo, Neeumatiko, Cora Velasco, Dani Gómez e Denova, que mostran o valor que teñen as diversas zonas e a calidade urbana que ofrece a Boa Vila

Fotograma de Cora Velasco para SON PO2
Fotograma de Cora Velasco para SON PO2

Mesturar música local, vídeo e modelo de cidade é o obxectivo da iniciativa promovida polo Concello de Pontevedra 'SON PO2'. O proxecto conta coas propostas musicais de O Rabelo, Neeumatiko, Cora Velasco, Dani Gómez e Denova, que mostran o valor que teñen as diversas zonas e a calidade urbana que ofrece a Boa Vila.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, explicou a dobre función do proxecto. Por unha banda, "que entre todos e todas fan que sexamos un exemplo de loita contra o cambio climático ou que a nosa cidade sexa un referente en cuestións medio ambientais e de mobilidade" e, por outro lado, a Cultura. "Debemos apostar, agora máis que nunca, pola cultura do quilómetro cero, é dicir, apostar polas artistas das que gozamos na nosa cidade", engadiu a edil.

Deste xeito, a mistura da música local coa dunha contorna sostible dá lugar ao "éxito", tal e como recollen as pezas agora publicadas na canle oficial de YouTube do Concello de Pontevedra e que deixan constancia dunha "cidade moderna, na vangarda e sostible".

A escolla de O Rabelo, Neeumatiko, Cora Velasco, Dani Gómez e Denova busca a ecléctica e o equilibrio artístico, que se move entre o pop, o rap e mesmo a lírica recitada ou a base electrónica. Dalgún xeito tamén "resume a esencia musical da cidade, adaptábel e diversa, con talento de seu".