Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán chegan ao Auditorio Sede Afundación con dúas funcións da súa nova xira, ‘Somos Criminais 3’. O espectáculo, que ateigou os teatros e auditorios galegos entre finais de 2021 e comezos de 2022, volve a Pontevedra este venres, 31 de marzo, coas entradas xa esgotadas.
Un ano máis, o público acolle con gran interese este espectáculo de humor, dirixido por Tito Asorey e guionizado por José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.
En ‘Somos Criminais 3’, os dous cómicos máis destacados do país, analizan e tratan de dar resposta a preguntas sobre o xeito de ser e estar dos galegos: somos diferentes, parecidos ou iguais aos demais?
De igual maneira, Vilagarcía de Arousa tamén poderá gozar do espectáculo o vindeiro 21 de abril. Esta segunda xira continuará ata o mes de xuño polas diversas vilas galegas.