Silvia Superstar volve aos escenarios pontevedreses co seu novo grupo, Los Fabulosos

Pontevedra
20 de decembro 2012

Silvia Superstar volve á carga. A polifacética artista viguesa uniuse a unha nova banda. Con ela chega a Pontevedra. En concreto, á Sala Karma, que será o escenario dun concerto que mestura de clásicos do rock & roll, soul, swing e o rockabilly, aderezado pola doce, sexy e rasgada voz de Silvia

Silvia Superstar & Los Fabulosos, nunha das imaxes promocionais do seu novo traballo
Silvia Superstar & Los Fabulosos, nunha das imaxes promocionais do seu novo traballo

Silvia Superstar volve á carga. Tras formar parte de The Killer Barbies, punta de lanza da primeira onda "indie", xunto a nomes como Australian Blonde ou Los Planetas, e editar un disco en solitario, a polifacética artista viguesa uniuse a unha nova banda. Con ela chega a Pontevedra. En concreto, á Sala Karma, que será o escenario este sábado 22 de decembro ás 22:30 horas, do concerto de Silvia Superstar & Los Fabulosos.

Presentan o seu primeiro traballo xuntos, o EP Breakaway (El Fabuloso Records, 2012), que consta de catro cancións atemporais e emblemáticas, que reflicten un modo peculiar de entender a música, o espectáculo e a sedución. Un paseo, á fin e ao cabo, polo particular universo dunha banda que arrinca así con paso firme a súa carreira discográfica, aínda que os seus compoñentes non son, en absoluto, uns recén chegados.

O resultado é unha mestura de clásicos do rock & roll, soul, swing e rockabilly, aderezado pola doce, sexy e rasgada voz de Silvia. Rememoran co seu traballo temas míticos dos anos 50, aínda que Silvia Superstar & Los Fabulosos souberon actualizalas, conservando a súa forza orixinal e engadindo os múltiples matices que, tanto a portentosa voz de Silvia como o talento dos músicos que a acompañan, son capaces de ofrecer.

En concreto, neste EP versionan catro coñecidas cancións. Trátase de Breakaway, himno composto por Jackie DeShannon e gravado orixinalmente por Irma Thomas en 1964; ou Fever, un tema composto por John Davenport a mediados dos 50 e que agora o grupo recupera, achegándolle un persoal aroma, a medio camiño entre o cabaret e a brillantina de garaxe.

Neste percorrido polo glamour sonoro e a reivindicación feminina non podía faltar Diamonds Are Best Girls Friends, número escrito por Jule Styne en 1948 para o músical de Broadway Los caballeros las prefieren rubias e que inmortalizó na gran pantalla Marilyn Monroe; e como colofón nos trasladan ao ano 81 e a unha das cancións máis selváticas de The Cramps, Goo Goo Muck, do seu disco Psychedelic Jungle.

Traxectoria de Silvia Superstar & Los Fabulosos

O sobrenome Superstar non lle pode vir máis ao xeito (ben cardado por suposto) a esta viguesa que, como a fauna que pululaba pola Factory de Warhol, tivo claro desde moi nova que nacera para ser unha estrela. Deu os seus primeiros pasos musicais en Aerolíneas Federais, cos que gravou o álbum Una o ninguna en 1991.

Pero foi á fronte de The Killer Barbies, xa avanzada a década dos 90, como coñeceu a gloria. Caracterizáronse por plasmar nos seus discos un universo moi persoal, repleto de cómics, gore e iconografía rock. Impulsados polo seu éxito chegaron a protagonizar dúas películas dirixidas por Jess Franco. E a propia Silvia Superstar editou en 2009 un álbum en solitario.

Pola súa banda, Los Fabulosos están compostos por Kiki Tornado, á batería; Pablo Rodas, ao baixo e Nico Álvarez, á guitarra. Tres experimentados músicos que formaron parte de bandas como Sex Museum, Los Coronas ou La Frontera, entre outras moitas e que pon o contrapunto de testosterona rockeira á banda.

Xuntos embárcanse nesta aventura repleta de guiños aos seus ídolos de décadas pasadas, pero cun son fresco e actual. Para gozar da súa música, nada mellor que velos en directo. As entradas para este concerto, que teñen un prezo de 10 euros, pódense adquirir en Pequeño Karma, La Casa Winchester e www.ticketea.com.