Silvia Lobo, Manuel Monzón e Mihai Chirilov, xurado oficial do FICBUEU 2023

Bueu
13 de agosto 2023

O Festival, que este ano celebrará a súa 16 edición, proxectará a partir do 8 de setembro, no Centro Social do Mar de Bueu, preto de 90 películas en formato curto dunha trintena de países. Nieves Febrer, Suso López e Anxos Fazáns escollerán os filmes gañadores nas seccións 'Descubertas', 'GZ_00' e 'Escolas Internacionais'  

Público nunha das proxeccións do FICBueu
Público nunha das proxeccións do FICBueu /

Silvia Lobo, Manuel Monzón e Mihai Chirilov compoñen o xurado oficial que este ano outorgará o primeiro e segundo premios e os galardóns á mellor curta galega e española do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU). 

O Festival, que este ano celebrará a súa 16 edición, proxectará a partir do 8 de setembro, no Centro Social do Mar de Bueu, preto de 90 películas en formato curto dunha trintena de países dos cinco continentes.

Desde o festival destacan a valía dos integrantes do xurado oficial: a produtora e distribuidora de cinema Silvia Lobo, de Elamedia Estudios –unha das principais compañías españolas de servizos audiovisuais, que participou en películas como La vida era eso ou Lúa Vermella, no documental Trinta Lumes ou en series como Antidisturbios ou Patria–; o produtor executivo Manuel Monzón, de A Contracorriente Films, que traballou en cintas multipremiadas como La Librería, de Isabel Coixet, ou a arxentina El ciudadano ilustre; e o romanés Mihai Chirilov, cunha importante traxectoria como director artístico de distintos festivais, crítico de cinema e membro da Academia de Cine Europeo.

Terán que escoller entre as 28 obras finalistas que competirán na sección oficial do certame, caracterizado pola súa decidida aposta polo cinema autoral. As películas proceden de 21 países: desde México, Costa Rica, China, Australia ou Estados Unidos ata España –con sete curtas, das que catro son producións galegas–, India, Francia, Somalia ou Islandia

As espectadores e os espectadores do FICBUEU desenvolverán de novo un papel clave. Poderán ver as curtas a concurso na sección oficial, que se proxectarán no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu entre o luns 11 e o sábado 16 de setembro, e decidirán cal de todas elas leva o seu voto, o que servirá para outorgar o Premio do Público. 

O festival impulsou unha nova iniciativa dentro da campaña de recollida de alimentos que se fai durante o certame: este ano fomentaranse as doazóns de produtos de hixiene íntima feminina en resposta ao premio que a audiencia concedeu na pasada edición á curta Spotless (Vlekkeloos), coma contribución á loita contra a pobreza menstrual e as duras condicións ás que moitas mulleres se enfrontan polo simple feito de selo. 

O segundo xurado do FICBUEU, o xurado Descubertas, valorará tres categorías: 'Descubertas', 'Escolas Internacionais' e 'GZ_00'.  

O xurado Descubertas tamén está formado por tres profesionais de distintos campos do cinema. Dúas son mulleres: a directora viguesa Anxos Fazáns, autora de curtas como Nacer en septiembre ou Área; a profesora, fotógrafa e investigadora Nieves Febrer; e o produtor e profesor Suso López, gañador dun premio Mestre Mateo á mellor dirección de produción pola película DHOGS

Os nomes das gañadoras e dos gañadores das distintas categorías do FICBUEU daranse a coñecer nun acto que se celebrará o sábado 16 de setembro no Centro Social do Mar de Bueu, a partir das 23.00 horas, no que tamén se fará entrega do Premio Cinema Galego, concedido nesta edición á actriz Luisa Merelas. O palmarés do 2023 proxectarase nun pase ao día seguinte, domingo, ás 20.30 horas.