Sibiu, a cidade dos mil ollos

Pontevedra
04 de marzo 2023

Despois de percorrer sen présas a cidadela de Sighisoara, berce do príncipe Vlad Tepes, penetrámos de novo na ruta do Conde Drácula atravesando a paisaxe agreste de Transilvania

Sibiu, a cidade dos mil ollos
Sibiu, a cidade dos mil ollos / Marga Díaz

Despois de percorrer sen présas a cidadela de Sighisoara, berce do príncipe Vlad Tepes (Tras as pegadas do conde Drácula: chove en Transilvania), penetramos de novo na ruta do Conde Drácula atravesando a paisaxe agreste de Transilvania. Viaxamos loitando contra a posta de sol, desexando que a noite non nos atrape, pois a sinuosa estrada parece máis impresionante a medida que se desvanece a luz do día, mentres se vai penetrando nun bosque espeso.

De cando en vez cruzámonos con algún carromato tirado por cabalos, que se apresura a regresar a un lugar seguro antes do poñente. Mentres, sobrevoa en cada curva a imaxe da macabra silueta do vampiro e a viaxe, ao noso pesar, faise máis longo do esperado.

Finalmente divisamos as luces tenues da cidade de Sibiu, que nos recibe envolvida en miles de sombras ameazantes. Centos de ollos vixíannos desde os tellados das vivendas, coma se a mirada de Vlad Dracul, o demo romanés, se multiplicase por mil nesta vella cidade sajona.

Na negrura da noite, co medo no corpo e influídos pola historia sinistra do noso personaxe, preferimos esperar a que amenza para descubrir as rúas da enigmática Sibiu.

Ao despuntar a alba a cousa pinta moi distinta. Basta con poñer un pé nas pequenas rúas empedradas para darnos conta do encanto desta preciosa cidade medieval que ademais é unha das mellor preservadas de Romanía. Os temibles ollos que á noite vixiaban desde o alto son en realidade un dos seus acenos de identidade, xa que case todos os edificios de Sibiu conservan esas peculiares fiestras que lles dan aspecto de casas viventes con ollos.

O casco antigo de Sibiu caracterízase pola armazón de rúas pequenas, moitas delas comunicadas por túneis, que conservan o aspecto medieval de aire sajón. En 2004 foi incluída na Lista Indicativa do Patrimonio da Humanidade precisamente polo seu "Centro Histórico e o seu sistema de Prazas" entre as que se organiza a vida cotiá desta cidade. As máis transitadas son a Praza Grande e a Praza Pequena que se comunican polo túnel abovedado que forma a Turnul Sfatului (Torre do Consello), todo un símbolo da cidade.

Na Piata Mare (Praza Grande) atopamos algún dos edificios máis emblemáticos: o Palacio Brukenthal, unha construción en estilo barroco que acolle o Museo máis antigo de Romanía ou a Biserica Romano-Católica, a igrexa que preside a praza xunto ao concello e o museo.

Atravesando o pasadizo que forma a bonita Torre do Consello chegamos á Piata Mica (Praza Pequena) antigamente ocupada por mercadores e artesáns, hoxe lugar de encontro para habitantes e turistas que gozan das tardes en locais e terrazas. Este é un bo lugar para probar algún dos ricos pratos que ofrece a gastronomía romanesa acompañados por unha xerra de cervexa, moi apreciada en Romanía, ou degustar de sobremesa un chopo de Palinka, licor típico da zona de Transilvania.

Sibiu foi no seu día unha cidade fortificada, as súas murallas das que se conservan algúns restos protexían a comerciantes e gremios de artesáns. Entre torreóns e pasadizos a imaxe da antiga cidade se preserva tan nítida que é fácil imaxinar a efervescencia da vida dentro dos muros, co movemento incesante de oficios e intercambios comerciais.

A cidade exhibe ademais de fermosos edificios de aire xermánico, dúas impoñentes catedrais:

A Catedral da Santísima Trindade construída a principios do século XX, chama a atención polo seu aspecto en estilo neobizantino, coas paredes raiadas en cores avermellado e ocre. Pero a sorpresa está dentro dos muros xa que os frescos e mosaicos que a adornan son cegadores. Entramos en plena cerimonia así que debemos permanecer en silencio, nas igrexas romanesas a devoción é absoluta, mentres non deixamos de asombrarnos co magnífico iconostasio ou a lámpada de araña descolgada baixo a enorme cúpula, que lembra a algunha das mesquitas otomás de Istambul.

Á tardiña achegámonos ao outro gran templo de Sibiu situado na Praza Huet, a catedral Luterana de Santa María, unha igrexa do século XIV por fóra aínda máis impoñente que a anterior, de grandes dimensións e que destaca polas súas torres entre as que despunta a de maior altura de toda Transilvania. Os seus interiores son pola contra máis sobrios, pero inclúen varias cousas de interese, como o órgano, a pila con decoración gótica ou unha colección de sepulcros entre os que se di que se atopa enterrado o fillo de Vlad Tepes, Mihea o Malo, que morrería asasinado nos chanzos da propia igrexa. Así que, seguindo a pista de Drácula, nos achegamos neste lugar monumental á súa descendencia máis directa.

Tras a visita apetece quedar un bo intre divagando polas pequenas rúas do casco antigo, para seguir descubrindo recunchos encantadores. Entre bonitas fachadas de tons pastel achegámonos ata a Ponte das Mentiras, que esconde unha curiosa lenda: Dise que cando alguén mente ao atravesalo, a ponte renxe. Tamén se contan outras lendas máis negras sobre comerciantes mentireiros que foron lanzados desde a ponte cando esta revelaba os seus enganos. E é que Romanía é unha terra chea de misterios, de contos e de tradicións centenarias. Preto da ponte, un pianista debulla unha obra dalgún compositor romanés que nos traslada a outra época, así que se nos deixamos arrastrar pola música enseguida atoparémonos mergullados entre os animados berros de mercadores e artesáns na puxante cidade medieval de Sibiu.

O sol estase a esconder e volvemos sobre os nosos pasos cara á ruidosa Piata Mare, para asomarnos desde a Torre do Reloxo, onde a vista da posta de sol é magnífica. Cando baixamos xa non hai máis luz que a que irradian os farois e os "ollos" misteriosos dos tellados de Sibiu. Fascinadas por ese brillo tenue recoñecemos que a noite, aínda que resulta algo tenebrosa, fai aínda máis bonita esta cidade e incítanos a quedar un intre máis antes de partir de novo tras os pasos do Non-morto.

Á mañá seguinte o sol brilla con forza. É un bo momento para retomar a ruta, pero antes facemos unha parada a poucos minutos da cidade nun lugar moi especial: o Museo Astra, unha maneira fantástica de coñecer máis de preto as tradicións e estilos de vida das distintas vilas de Romanía. Ocupa unha extensión de case 100 hectáreas ao aire libre onde se poden percorrer entre xardíns, as construcións máis típicas de cada rexión, unha interesante viaxe ao pasado romanés.

Despois dun paseo asollado continuamos a ruta, impacientes por chegar ao noso seguinte destino: a algo máis de dúas horas de camiño espéranos a fermosa cidade de Brasov con moitas máis sorpresas para descubrir nesta viaxe a través do tempo e da Romanía máis auténtica.

 

Marga Díaz

www.mundoviajero.es    

https://www.instagram.com/margadiaz.viajes/