Sete relatorios en Santa Clara estiman o Entroido de Galicia dentro das festas rituais europeas

Pontevedra
12 de marzo 2022

As Xornadas sobre o Entroido de Galiza desenvólvense, por primeira vez, no convento de Santa Clara. Estas sesións organizadas pola Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) comezaron este venres 11 e continuarán este sábado 12 en sesión de tarde

X Xornadas sobre o Entroido de Galiza
X Xornadas sobre o Entroido de Galiza / Mónica Patxot

A antiga igrexa do convento de Santa Clara convertíase este venres no escenario de acollida da décima edición das Xornadas sobre o Entroido de Galiza, que organiza a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), en colaboración co Concello de Pontevedra.

Ao longo da xornada inaugural participaron Carlos X. Ares, María Ángeles Rodríguez Yáñez, Nieves Armado e Rafael Quintía, presidente de SAGA, para tratar temas como a celebración do Entroido de Doade; a importancia do Periódico O Sil para poñer en valor a cultura do Entroido en Galicia; ou a conexión entre Felos e Peliqueiros na Serra de San Mamede. A sesión finalizaba cunha mesa redonda e un coloquio final.

Este sábado 12 retomaranse os relatorios a partir das 18.00 horas coa intervención de Guillerme Ignacio Costa que presentará o libro 'Damas e ghaláns no entruido de Nergha'. A continuación, Mónica VázqueZ e Antonio Sousa falarán sobre o Entroido de Sande.

Ás 19.20 horas, Óscar González tratará a utilización de "mascaradas" na Península Ibérica. As xornadas finalizarán tamén cunha mesa redonda e un coloquio final.

Rafael  Quintía destaca a importancia de ofrecer este formato presencial nun espazo singular como é Santa Clara para tratar esta festa social en Galicia, que defende como a festa ritual máis importante da cultura galega pola súa complexidade e os seus múltiples significados ata o punto de entender que se trata do "Entroido máis rico e diverso de Europa e un dos máis vivos".