Música, teatro, maxia, contos, ciencia e literatura. Son as propostas do Concello de Cerdedo-Cotobade para celebrar as Letras Galegas ao longo de todo o mes de maio.
Os eventos arrancarán este vindeiro domingo 7 de maio co II Festival de Bandas de Música de Cerdedo, no que actuarán a formación local e a de Candeán. Este certame, organizado pola Escola de Música de Cerdedo, comezará ás 18.30 horas no auditorio do Centro Cultural de Cerdedo con entrada de balde.
O programa continuará o mércores 10 co espectáculo infantil de maxia e contos O neno que quería ser mago, de Javier Muro, que se enmarca no proxecto Ler conta moito. Terá lugar na Biblioteca Municipal de Tenorio ás 18.15 horas.
Xa o domingo 14 o auditorio de Cerdedo acollerá, dende as 19.00 horas, as obras 101 Dálmatas e O chicle interpretadas, respectivamente, polos grupos infantil e xuvenil da Escola de Teatro de Cerdedo, dirixida polo dramaturgo estradense Xosé Lueiro.
A cuarta actividade cultural será un obradoiro científico-literario de submarinos o sábado 20 ás 11.00 horas na Biblioteca Municipal de Carballedo. Esta xornada, impulsada polo colectivo Ciencia en Ruta, centrarase no funcionamento dos submarinos a partires da súa construción e afondará nas figuras de Julio Verne ou Sanjurjo Badía.
O sábado 20, no auditorio cerdedense, actuará o grupo Seitura, que presentará o seu disco Pontevedra, Boa Vila dende as 20.30 horas.
A programación cultural despedirase na derradeira fin de semana do mes co IV Festival de Música Tradicional de Cerdedo, organizado por Os Abrentes para o sábado 27 ás 20.30 horas no auditorio. Actuarán Foula, Pandereteiras Tremelique, Os Muiñeiros do Sarela, Airiños da Fracha e a formación anfitriona.
E o domingo 28, o auditorio de Cerdedo acollerá, dende as 18.30 horas, as actuacións musicais da coral de Campo Lameiro e do grupo Canta Lúa.