Sete Espadelas amosa en Barro a influencia do Camiño nos traxes tradicionais

Barro
07 de outubro 2022

O Pazo da Crega acollerá este domingo 9 de outubro, ás 12:00 horas, o novo proxecto da Asociación Etnográfica Sete Espadelas. Trátase de Cando todos os camiños ían a Compostela, un espectáculo que amosa as influencias do Camiño de Santiago no traxe tradicional

Sete Espadelas no seu espectáculo sobre o Camiño de Santiago
Sete Espadelas no seu espectáculo sobre o Camiño de Santiago / Sete Espadelas

O Pazo da Crega acollerá este domingo 9 de outubro, ás 12:00 horas, o novo proxecto da Asociación Etnográfica Sete Espadelas. Trátase de Cando todos os camiños ían a Compostela, un espectáculo que amosa as influencias do Camiño de Santiago no traxe tradicional.

As diferentes rutas de peregrinación, segundo esta asociación, foron unha das grandes fontes de influencia para esta indumentaria porque, a través del, "chegaron a nós tecidos e prendas de lugares foráneos que pronto adaptamos ou asimilamos á nosa vestimenta".

Así, polos diferentes camiños por mar e terra, viñeron ata Galicia os panos de Béjar, os mantóns de Manila, o veludo francés ou os grandes panos de Paisley escoceses.

Neste novo espectáculo, Sete Espadelas percorrerán os lugares polos que pasan os camiños de Santiago a través da indumentaria e amosarán trinta traxes, todos eles antigos ou fieis reproducións de orixinais.

O espectáculo levará ao público polo Camiño Francés a Portomarín ou Arzúa, polo Primitivo a Guntín e Melide e polo Inglés a Betanzos, Ordes ou ao porto de Muros.

Tamén farán parada no Camiño do Mar visitando Cedeira, chegando á Limia pola Vía da Prata e á comarca de Valdeorras ou Rodeiro no Camiño de Inverno.

A viaxe seguirá desde o país veciño polo Camiño Portugués, tanto pola costa como polo interior, onde poderán ver ás xentes de Bueu, Cotobade ou Pontevedra.

O camiño do Norte faranlles visitar Vilalba, Abadín e Vilasantar. Tamén navegarán pola Ruta do Mar de Arousa e a Ulla, e ata percorrerán rutas menos coñecidas, chegando a Leiro polo Camiño dos arrieiros ou a Ruta do viño.