Este mércores ás 12.30 horas, a EEI de Verducido acollerá unha sesión de contacontos a cargo do equipo creativo de Polo Correo do Vento, integrado por Carlos Taboada e Kike Mauricio.
Esta actividade forma parte do programa municipal 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna', que impulsa a concellería de Educación. Dentro desta proposta, a intención é que os escolares coñezan a historia e a contorna dos seus centros a través de intervencións artísticas.
Esta escola conta cun mural protagonizado por unha leiteira e un canteiro co fondo do encoro do Pontillón do Castro, unha fervenza, muíños e un merlo; un escenario que se atopa na paisaxe natural da parroquia pontevedresa.
Tino Fernández, concelleiro de Educación, sinala que nesta ocasión, será narrada a historia de 'Periplo Atlántico', unha versión libre de Panchito de Castelao, na que un pingüín de Verducido viaxa polo océano coa intención de coñecer todo o planeta. A continuación, os integrantes de Polo Correo do Vento realizarán un taller de debuxo cos escolares centrándose na figura da leiteira do mural.