Non hai disco que Sés non presente en Pontevedra. A conexión da artista galega co público pontevedrés é total e, unha vez máis, volverá a quedar demostrado moi pronto.
O Pazo da Cultura acollerá un concerto da cantautora coruñesa o próximo 4 de abril, segundo vén de confirmar a súa axencia de comunicación.
No seu regreso a Pontevedra, Sés interpretará en directo os temas do seu sétimo disco, un traballo titulado Liberar as arterias.
É un disco con letras e músicas compostas por ela, co que mantén e potencia a súa valente mensaxe e no que percorre América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira.
Sés é, sen dúbida, unha das artistas de maior éxito en Galicia polo seu carisma e discurso, así como pola forza e calidade das súas cancións, que de novo volverán a soar en Pontevedra en todo o seu esplendor.