Sés é o proxecto musical da cantautora coruñesa María Xosé Silvar. Unha moza que nunca tivo a vontade de vivir profesionalmente da música. "Non porque non me apaixone, senón porque o vía moi difícil", recoñece. Agora é unha das grandes promesas da música en galego. E cunha proposta moi clara. Ritmos americanos repensado en galego e en feminino, letras escritas a conciencia e unha actitude enérxica e independente enriba e debaixo do escenario.
E todo comezou en 2007. Xunto con tres amigos creou Chámalle Xis!, un dos grupos revelación daquel ano. Presentáronse a un concurso que apadriñaba Santiago Auserón e non só gañaron, senón que a Sés cambioulle a vida. "Falou moi ben de min, empecei a dar moitos concertos e saquei un disco. Foi todo un pouco como de película". E en apenas dous anos, é unha das protagonistas da décima edición de Cantos na Maré. "De non imaxinar nunca estar cantando soa nun escenario a estar cantando con Chico César", asegura. "ÿ unha pasada".
Di Uxía Blanco (directora de Cantos na Maré) que Sés é o mellor que lle pasou a musica galega en moitos anos...
E que Uxía é moi boa persoa... (ri). Está mal que eu o diga, pero creo que é algo positivo que por fin apareza unha tía que fai rock and roll en galego e que se expresa nunha lingua que non é habitual neste tipo de música. Non hai moitas mulleres que fagan rock ou blues en galego. Unha das cousas que me din é, ostra non sabía que se poida facer. E iso é un pouco triste.
Como describirías a música que fas?
A música que fago non ten moita descrición. ÿ música americana, tanto latinoamericana como de influencia estadounidense. Fago música yanqui. Fago un pouco de blues, rock, country e soul. En certas composición nótase certa pegada dos cantautores hispanoamericanos dos anos 60 e 70, porque convivín moito coa miña avoa e era a música que escoitaba de cativa. Eu diría que son unha cantautora que escribe porque o necesita. Nas linguaxes que coñezo, compoño o que sexa. Un día é unha rancheira e outro día é un blues.
E é difícil abrirse camiño no mundo da música cantando en galego?
Eu son un pouco irreverente. Podía dicirche que si, que é complexo e de paso facerme valer. Pero creo que non. Creo que nós en Galicia témolo mellor que xente que o fai noutras linguas. Tes que ser moi bo para saír aquí e cantar en español ou en inglés. Tes que ser a hostia. E realmente en galego non ter por que ser así. E vémolo no escenario. Eu mesma se cantara en inglés non me comería nin os mocos.
"O galego lonxe de ser un hándicap na miña carreira, é todo o contrario. ÿ o que me impulsou e o que me mantén"
ÿ un problema cultural entón?
ÿ que ti non lle vas a ensinar a un americano a facer rock and roll, pero podes facer que moita xente que quere escoitar música en galego, entenda un rock and roll. Xente que cando escoita unha canción quere saber o que cantas. Eu son claro exemplo de alguén que está aquí porque canta na súa lingua. A min, lonxe de ser un hándicap na miña carreira, é todo o contrario. ÿ o que me impulsou e o que me mantén.
Pero o que non negarás é que sacar un disco é moi complicado...
Claro que o é. Pero é igual de difícil aquí, en Madrid ou en París. A industria está fodida en todos os sitios. O proceso de devaluación cultural repítese en todas partes. Agora cultura é nada. A xente consume cousas que se visten de cultural e que non o son. Son contidos lixo. E canto menos demanda haxa, será máis complicado que saiamos para adiante.
Menos mal que quedan iniciativas como Cantos na Maré. Que supón para unha artista coma ti participar nun festival como este?
ÿ flipante. Eu son unha persoa normal e de repente estás tocando con xente que toda a vida escoitaches en CD. Se hai anos me dis que ía estar tocando con eles, riríame de ti. Estamos falando de artistas moi coñecidos a nivel internacional, representantes da súa música. E sobre todo, para min é moi importante polo tema lingüístico. Creo que é moi positivo que veña unha muller a dicir certas cousas como que si, que estou orgullosa da miña lingua. ÿ algo que é necesario dicir.
Cres que entre os artistas galegos senten vergoña por cantar en galego?
"Eu sempre lle digo a todo o mundo que son muller e galega, que non teño a culpa. Simplemente tiven sorte"
Hai moita autonegación. De xente que é galegofalante e fai música en calquera idioma menos neste. E iso é absurdo. E como se nos anos 60 lle dis a John Lennon que non cante en inglés. Eu fago música en galego, porque son galega e estou lonxe de avergonzarme de selo. Todo o contrario, estou orgullosísima diso. Eu sempre lle digo a todo o mundo que son muller e galega, que non teño a culpa. Simplemente tiven sorte.
Unha vez pasado Cantos na Maré, a que vai andar Sés?
Pois empezaremos a gravar o segundo disco. Queremos sacalo antes do verán. Manteremos o mesmo "non estilo" do primeiro. Aínda que con cambios. O anterior foi un pouco light. Este será máis roqueiro, un rock máis potente e con máis country. Vai ser un disco máis intenso, por así dicilo. Teremos unha produción máis grande, aínda que ao final é un arma de dobre fío. Todo soa moi ben e os músicos son brutais, pero hai movidas que non acaban de soar tan puras, tan crúas. E eu son moi crúa, moi do chan. E este disco vai sonar máis a chan, creo eu.