Sés e Xurxo Souto abrirán o novo ciclo de Visitas Cruzadas ao Museo

Pontevedra
20 de marzo 2018

Este ano estas visitas guiadas por persoas relacionadas con actividades culturais desenvolveranse os domingos de abril a partir do día 8. Os grupos non poden superar as 50 persoas por sesión e será precisa inscrición previa

Presentación visitas guiadas 2018
Presentación visitas guiadas 2018 / Gabriela Varela Asorey

Os músicos Sés e Xurxo Souto serán, o domingo 8 de abril, os primeiros en chegar ao Museo de Pontevedra para guiar dous grupos de 25 persoas nun novo ciclo de Visitas Cruzadas entre as obras que eles consideran máis importantes neste espazo cultural. Os grupos despois cambiarán de guía e coñecerán a outra visión.

O éxito da edición de 2017 foi fundamental para organizar a deste ano, que se vai desenvolver durante domingos do mes de abril para evitar que coincidan cos actos previstos durante o mes de maio con motivo das homenaxes á escritora María Victoria Moreno, a quen se dedica o Día das Letras Galegas.

O domingo 15 de abril continuará coa cantante e actriz Iria Pinheiro e co director da editorial Urco, David Cortizo. A comunicadora e actriz Nieves Rodríguez e o director da editorial Galaxia Fran Castro serán os encargados de guiar o 22 de abril.

Ambos os dous presentaban este martes acompañados polo deputado Xosé Leal e polo director do Museo, Carlos Valle estas Visitas Cruzadas limitadas a 50 persoas por domingo, que teñen que inscribirse a cada sesión a partir das 08.00 horas de cada luns no correo [email protected]. Cada visita comeza ás 12.00 e remata ás 13.30 horas. Son de carácter gratuíto e destinadas a persoas maiores de 14 anos.

O ciclo rematará con referencias cinematográficas a cargo da xornalista e escritora Margarita Ledo e do director Xacio Baño. Será o 29 de abril. 

Xosé Leal explicaba que esta iniciativa ofrece unha perspectiva de país e que cada artista ofrece unha visión particular do Museo. Fran Castro incidía neste aspecto indicando que estas visitas ofrecerán oito museos diferentes para os visitantes: "Tamén é un luxo poder exercer de guía por un día, porque sempre que visitamos un museo no fondo todos marchamos co noso propio Museo".

Pola súa banda, Nieves Rodríguez explicaba que intentará buscar referencias á banda deseñada entre os cadros das distintas salas e destacou que "aínda que é un museo coñecido en toda Galicia, hai persoas que aínda pensan que segue sendo un lugar reservado a determinado tipo de xente, cun certo estatus, e estas Visitas Cruzadas permitirán que deixe de ser así, porque ademais de ser unha iniciativa interesante tamén é unha iniciativa valente".