Moitos mozos galegos, pontevedreses, entre eles tamén da vila de Marín, xogaron a súa vida no exército vasco durante a Guerra Civil e compartiron ao lado dos gudaris con sorchicos (música tradicional vasca) a tristura do encerro en San Simón ou nas adegas do Upo Mendi.
Sergio Balchada 'Satxa' fala deses homes e tamén do padecemento das mulleres que os amaban e loitaron con eles no libro 'Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937' que este mércores se presentou na Biblioteca Pública de Marín baixo a organización da Deputación e da Asociación de Recuperación da Memoria Histórica de Marín (ARMHM).
A publicación, editada polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico provincial e o departamento de Memoria dirixidos pola deputada María Ortega, recolle a presenza de máis dun milleiro de milicianos galegos no 'Euskadiko Gudarostea'. Narra como dende o primeiro momento a comunidade galega saíu á rúa para combater os sublevados e implicarse na defensa da legalidade da República integrando voluntariamente as centurias de milicianos que loitaron en Guipuzkoa e nos límites de Bizkaia con Araba en batallóns como o Bakunin ou o Celta.
Balchada fala no texto tamén da chamada 'quinta provincia galega', o barrio de Trintxerpe en Pasaia, onde os mariñeiros galegos fundaron o 'Sindicato de industria pesqueira' ou 'El avance marino' que dende maio do 36 ata o inicio da guerra mantiveron unha folga que sentou as bases para unha mellor calidade de vida e condicións laborais na zona.
Outro punto a destacar é o relativo ao pontevedrés José Echeverría Novoa, gobernador civil de Bizkaia, que no inicio tumbou a trama golpista en Bilbao e que puido chegar a ser o primeiro lehendakari, mais declinou a posibilidade por entender que debía ser unha persoa vasca e non doutro país quen estivese á fronte do primeiro goberno euskaldún.
O autor explicou na presentación que, unha vez pechado o libro, as investigación levárono a localizar a moita xente de Marín que traballou en Euskadi e se levantou contra o réxime naquel entón. Amosou fotografías de marinenses nos batallóns Bakunin e Celta, e incluso nalgún outro batallón comunista, e subliñou que a súa condicións de mariñeiros os levou a tomar parte tamén da mariña auxiliar (nos dragaminas e buques de guerra, entre outros).
A deputada de Memoria María Ortega sinalou que tanto Serxio Balchada 'Satxa' como a ARMHM "son exemplo do gran esforzo que leva facendo a sociedade civil desde hai décadas para suplir o desleixo da maioría das administracións públicas na recuperación e divulgación da memoria histórica". Destacou que "o menos que podemos facer desde a Deputación, a través do departamento de Memoria e o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, é posibilitar que o resultado poida chegar a todas as persoas interesadas".
Segundo a nacionalista o libro 'Galegos no exército de Euskadi' ten "o mérito engadido de encadrarse á perfección na liña de traballo provincial en materia de memoria". Por un lado dá a coñecer o papel fundamental que xogaron os pescadores galegos, moitos deles de Marín, que forneceron as tripulacións da flota de Pasaia a principios do século pasado no auxe do sindicalismo obreiro.
Por outro lado, o texto "suma evidencias á constatación do tramposo que foi o relato franquista cando nos quixo convencer de que o pobo galego foi submiso e mesmo compracente coa ditadura”, destaca a deputada. "Ponse de relevo a existencia dunha Galiza resistente que se opuxo ao golpe en Pasaia, en Trintxerpe, que defendeu Irún da columna fascista, ou que loitou na milicia da fronte de Giputxi”, finalizou.