Pilar Delmas é unha talentosa artista que non só crea obras marabillosas, senón que tamén creou a súa propia sala de exposicións na nosa cidade. Cunha visión única e unha paixón inquebrantable pola arte, Pilar convidounos a un grupo de amigos á inauguración da súa exposición o pasado venres no Granero Delmas, para explorar o seu universo creativo, onde cada peza conta unha historia e cuxa visita anotaría como un deber para calquera que vaia estar en Pontevedra este mes.
Dime unha pregunta que non te gusta que che fagan.
E ti, de quen vés sendo?
Como te definirías?
Divertida, alegre, imaxinativa, extrovertida, traballadora, loitadora e humilde.
Es de Pontevedra de sempre?
De Pontevedra de sempre é a familia da miña nai (Filgueira), eu son medio madrileña – medio pontevedresa.
Como é a túa relación con Pontevedra?
Boa.
Cando e por que empezaches a pintar?
Cando tiña tres anos, ou mesmo menos, no colexio. Cando me preguntaban por que pintaba as nubes de cores, respondía que eran as miñas nubes e non as doutros nenos. Cada persoa pinta e crea o que sente en cada momento.
Cres que o oficio de artista está tan recoñecido coma outros ou séguese percibindo coma unha afección?
Ao artista é difícil que se lle recoñeza nin a el, nin ao seu traballo (creo que non se sabe valorar en ocasións).
En que te inspiras?
Nas miñas sensacións, en como me sinto, no que me ocorre, no que me aporta a natureza, nos lugares polos que paso, nas persoas coas que me atopo, en pintores recoñecidos...
A cotío mesturamos os conceptos de "prezo" e "valor", especialmente na arte. Como os distinguirías?
A relación entre valor e prezo ás veces é paradoxal, e como dixo alguén: "só o necio confunde valor e prezo". Por exemplo, a auga e o aire son de balde, pero son moi valiosos, sen eles morreríamos. Para un pintor é difícil e complicado poñer un prezo a un cadro. O mercado, o tamaño da obra, o nome do pintor… Todo inflúe. De todas maneiras, en España hai pouca costume de mercar cadros ou arte en xeral, polo que a percepción do prezo é difícil que sexa axustada.
Onde expuxeches ultimamente?
Actualmente e durante todo o mes de xullo, a miña última obra estará exposta na miña galería, o GRANERO DELMAS (Galerías Oliva 2 bis local 15). Expuxen en varios sitios, e gardo un especial recordo á que fixen no PALACETE DE LAS MENDOZA.
Que ofrece o GRANERO DELMAS?
O GRANERO DELMAS ten unhas características espaciais que o fan moi peculiar e case único na cidade: altura elevada, ampla superficie total, espazos diferenciados, luz natural, recursos tecnolóxicos amplos. Nel desenvolvéronse actividades moi diversas: exposicións (individuais e colectivas), concertos musicais en pequeno formato, presentación de libros... O reto que me propoño a curto prazo é converter o GRANERO DELMAS nun lugar de encontro para creadores, xestores, profesionais, afeccionados, figuras consagradas, novas promesas, artistas locais, nómadas creativos… e de todo tipo de arte.
Algún artista que creas que non ten o recoñecemento suficiente?
O meu amigo Nelson Gómez Callejas, pintor colombiano e residente en Pontevedra, que me parece un gran artista, e que o mes pasado expuxo a súa obra no GRANERO DELMAS.
Un ano sen ir a misa ou un ano sen ir de festa?
Son compatibles.
Dime unha canción que che emocione.
"Libertad", de Nil Moliner. Gústame moito a música e adoito pintar con música de fondo. Véxome reflectida en moitas cancións, ademais (por suposto "Don’t Cry", de Guns & Roses).
Dime un "pecado" que practiques con gusto.
Tomarme un par de Estrellas vendo o solpor no Náutico de San Vicente.
Que hai despois da vida?
Despois desta vida volvemos ao principio, á orixe. A vida neste planeta terra é un paso, unha etapa cara á Vida Real. A arte é un privilexio, que nos permite expresar o que sentimos, a través do estado da alma.
O último capricho que te deches?
Non son moi caprichosa, e se teño que elixir un, viaxar en boa compañía, compartindo e gozando de momentos.
Cando dixéches por última vez "quérote"?
Dígollo todos os días á miña filla Mathilda, toda unha perla.
A quen che gustaría ver nesta sección?
A Jacobo García-Durán, unha persoa que ten moito que contar.
Para Pilar, Pontevedra sabe a viño e polbo, cheira a fresco, a húmido e a eucalipto, é da cor de todas as súas augas e soa a festa e gaitas. Definitivamente, Pilar Delmas sente Pontevedra.
O CUESTIONARIO
Nunca saio da casa sen… a miña filla e sen o meu sorriso.
Na miña neveira sempre hai… tomates galegos.
No meu armario destacan… os pantalóns pitillo.
A idade é… a que sentes, a que tes… unha suma de experiencias.
Sempre fun o ollo dereito de… meu pai.
Pontevedra ten alma de… dar de beber a quen pasa.
Creo en… as boas persoas e no seu bo facer.
O ano que marcou a miña vida foi… cando morreu meu pai.
O mellor agasallo que me poden facer é… percebes.
O meu lugar no mundo é… alí onde estea a miña pequena Mathilda.
Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… o paraíso.
O meu momento favorito do día é… cando río cos amigos.
Pontevedra… familia, baile, música e risas.