Seres indóMITOs: Paula Cabaleiro

Pontevedra
01 de setembro 2024

Os que coñecemos a Paula Cabaleiro, quen por se non o saben conta cunha traxectoria absolutamente envexable que a converte nunha das mellores xestoras culturais de Europa, ben poderiamos usar eses mesmos aspersores para, a modo de símil, explicar a facilidade que Paula ten para rociar coa súa alegría e entusiasmo todo aquilo no que se involucra, elevando, xunto a outros grandes profesionais, a cultura pontevedresa ás máis altas cotas

Paula Cabaleiro, xestora cultural
Paula Cabaleiro, xestora cultural / PontevedraViva - Paula Cabaleiro

Cando lle pregunto á nosa protagonista pola mellor anécdota que lembre dalgún acto cultural no que estivese implicada, un gran sorriso pillabán inunda o seu rostro e entre risos revive aquel concerto de piano no medio dun xardín no que a alguén se lle esqueceu desprogramar os aspersores, "malia que se dixera".

Os que coñecemos a Paula Cabaleiro, quen por se non o saben conta cunha traxectoria absolutamente envexable que a converte nunha das mellores xestoras culturais de Europa, ben poderiamos usar eses mesmos aspersores para, a modo de símil, explicar a facilidade que Paula ten para rociar coa súa alegría e entusiasmo todo aquilo no que se involucra, elevando, xunto a outros grandes profesionais, a cultura pontevedresa ás máis altas cotas.

 

- Dime unha pregunta que non che guste que che fagan.

Calquera pregunta íntima se non hai confianza.

- Como te definirías?

Inqueda (un pouco hiperactiva), moi curiosa, perfeccionista e bastante autoesixente. Intento ser sempre honesta e sempre din que son xenerosa. E, sobre todo, son moi sociable. Poderíase dicir que... "engancho nunha silveira" (Risas)

- Como é a túa relación con Pontevedra?

Moi boa. É unha cidade na que traballei moitos anos e á que sigo vindo con moita frecuencia. Fago moita vida en Pontevedra. É a miña cidade favorita de Galicia.

- Como foi o momento no que dixeches na casa que querías estudar Belas Artes?

Lémbroo como bastante traumático. Fixen o bacharelato de letras porque me gustaba escribir e barallaba estudar xornalismo, pero no momento de cubrir os papeis da matrícula decidín cambiar á última hora. Chorei tres días pola decepción que percibía nos meus pais. É unha carreira dura porque ademais chegas ás veces cunha idea preconcibida equivocada. Pero a día de hoxe volvería facela, sen dúbida. Ensína a pensar, proxectar, argumentar... sobre todo a cuestionar absolutamente todo: abre a túa mente ao mundo.

Que tres consellos lle darías a un alumno-a de Belas Artes?

O principal é que sexan proactivos. Se fas Belas Artes tes que ir a exposicións, falar con xente, ler, ver teatro ou música en vivo. Participar activamente no sector cultural. O mundo universitario está bastante desvinculado do profesional, hai que saír a buscalo. Que non teñan medo ao erro, porque os erros son fundamentais e finalmente que a autoesixencia non lles impida "facer".

- Cando deixaches de crear arte e empezaches a xestionalo?

Sempre fun xestora, ás veces sen ser consciente diso, aínda que como artista non me ía mal. Pero durante a miña época universitaria xa era en certo modo comisaria, organizando exposicións con obra das miñas compañeiras. Sempre me resultou máis fácil defender o que fixeron outras persoas e crear escenarios ou plataformas onde mostralas.

- Hai igualdade entre homes e mulleres na arte?

Non, empezando porque a día de hoxe apenas se estudan referentes mulleres. A arte é o fiel reflexo do patriarcado que rexe a nosa sociedade. Vémolo na xestión cultural, nos organigramas dos museos se hai mulleres, pero diminúen en representación se nos fixamos na dirección. Pasa o mesmo nos premios, especialmente os de maior prestixio social e maior contía económica, onde as mulleres somos as raíñas dos accésits.

- Os españois-as investimos en arte?

Pouco. Temos países veciños como Portugal, cunha educación cultural moito máis enraizada (na miña opinión), que se traduce nunha maior demanda e consumo. Non temos unha lei de mecenado eficiente. Non se pon en valor a cultura, unha parte da poboación considéraa accesoria ou innecesaria e as empresas tampouco ven os beneficios de investir nela. Por outro lado, o coleccionismo de arte considérase elitista e isto é un prexuízo. Tamén habería que diferenciar entre o coleccionista investidor, que é certo que existe nunha boa medida e sostén parte do mercado, e o que non o fai con fins especulativos, que ten, para min, un maior valor social, sendo honesto e altruísta.

- A cultura debería ser sempre gratuíta?

Aínda que obviamente a cultura gratuíta non existe, pois pagámola mediante os nosos impostos, creo que sempre debería haber un custo directo para o público, por baixo ou simbólico que fose, xa que pensar que é gratuíta devalúa o produto cultural e ao sector profesional. Por suposto, para determinadas persoas ou colectivos, debería ser gratuíto, polas súas condicións socioeconómicas, pero non para todo o mundo. Comprometémonos máis cando pagamos, por pouco que sexa, e tamén o valoramos máis.

- Un ano sen ir a misa ou un ano sen ir de festa?

Un ano sen ir a misa.

-Dime unha canción que te emocione.

Matriarcas, de Guadi Galego, especialmente porque me lembra á miña avoa.

- Que hai despois da vida?

Diría que nada, así que hai que gozar desta experiencia.

- O último capricho que te deches?

Moitos libros de arte e filosofía, e bastantes novelas. Unha das últimas que lin, "Pel de Cordeiro" de Ledicia Costas.

- Cando dixeches por última vez "quérote"?

Dígoo moi habitualmente, á miña familia e amigos-as.

- E por último, a quen che gustaría ver nesta sección?

A Suso Novás ou a Amelia Palacios.

 

Para Paula Cabaleiro, Pontevedra sabe a Albariño Rías Baixas, cheira a camelias, vese da cor dourada do solpor e soa a xente conversando en terrazas. Definitivamente, Paula sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

− Nunca saio da casa sen... pendentes e perfume.

− Na miña neveira sempre hai... auga fría

− No meu armario destaca... os traxes clásicos e coloridos

− A idade é... experiencia e desenvolvemento persoal

− Sempre fun o ollo dereito de... meu pai

− Pontevedra ten alma de... gozadora, con parte social e cultural.

− Creo en... as boas persoas.

− O ano que marcou a miña vida foi... o 2011 cando abrín a miña propia galería.

− O mellor agasallo que me poden facer é... tempo de calidade.

− O meu lugar no mundo é... Ons

− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría... na Coruña

− O meu momento favorito do día é... estar cos meus mellores amigos-as.

− Pontevedra... a cidade á que sempre quero volver.