Serafín Zubiri homenaxea a Nino Bravo, xunto coa Banda Municipal de Caldas de Reis

Umia
29 de xullo 2024

A actuación será no escenario acuático do Umia o 15 de agosto

Serafín Zubiri no espectáculo ‘Recordando a Nino Bravo’
Serafín Zubiri no espectáculo ‘Recordando a Nino Bravo’

O escenario acuático do Umia acollerá o vindeiro 15 de agosto un concerto de Serafín Zubiri coa Banda de Música de Caldas no espectáculo ‘Recordando a Nino Bravo’. 

Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, con este evento mistúranse dúas grandes traxectorias, a da Banda Municipal, recentemente gañadora do Primeiro Premio do Certame de Bandas ‘Ciutat de València’ e a de Zubiri, unha voz moi recoñecida.

Con este evento péchase a programación do escenario acuático do Umia durante as festas co fin de recuperalo como unha ‘icona’ para a vila de Caldas. Manuel Fariña destaca que durante os últimos meses o Departamento de Cultura traballou co fin de volver levar á vila termal unha tradición que marcaba as celebracións da localidade e era moi aplaudida pola veciñanza pola súa singularidade. "O río para nós ten que volver ser o centro", subliñou.

O concerto, co que Zubiri leva virando con notable éxito desde o ano 2013, fai un repaso polos principais temas do malogrado intérprete, tales como Noelia, Amencer, Libre, Un beso y una flor, "que todos coñecemos e que seguro que nos animará a cantar con el", aseverou o edil. 

Para Fariña, ademais, misturar a Banda de Música de Caldas e a Zubiri, supón "un plus de calidade", xa que o intérprete ten realizado este espectáculo con outras bandas de renome internacional.

Ademais de poder gozar da que "posiblemente sexa unha das poucas voces capaces de afrontar con seguridade as cancións de Nino Bravo que existan no panorama musical actual", manifestou Fariña, os asistentes tamén van poder facelo da Banda Municipal de Música de Caldas, "que está na primeira división das bandas do estado", incidiu.

O concelleiro engadiu que "aínda que a música de Nino Bravo poida estar dirixida a un público máis maduro, o certo é que a personalidade que lle imprime Serafín Zubiri e o feito de contar co apoio da Banda Municipal, fai que este espectáculo sexa capaz de facer gozar a persoas de todas as idades".

A actuación da Banda e Zubiri únese á programación do escenario acuático, que tamén terá durante a Feira Tradicional de Caldas de Reis o 11 de agosto a participación das agrupacións de baile tradicional Celme, Agrupación Flolklórica Usanza (Aragón) e Ballet Folclórico del Bio Bio (Chile). 

O 13 de agosto será cando terá lugar o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, e xa o día 14 será Sés a que suba ao escenario acuático. 

O 16 terá lugar o Gran Combate Naval de Caldas, o tradicional espectáculo pirotécnico das festas.