A escalinata exterior do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra foi este xoves un escenario cheo de cores, música e poesía para vestir de "compromiso e igualdade" a inauguración da exposición "Sempre Marzo", unha iniciativa da editorial "A Xanela" comisariada pola escritora Yolanda Castaño, na que 33 artistas da comunidade galega poñen de manifesto o seu "irrenunciable" contrato co feminismo a través da plástica e da poesía, con obras artísticas orixinais e unha selección de poemas manuscritos.
O evento desenvolveuse no exterior do Pazo onde o público ocupou a escalinata utilizando grandes coxíns de diferentes cores, mentres que as artistas situáronse na explanada de Montero Ríos, tinguida como o edificio de luz violeta. O acto contou coa música como fío condutor, coa actuación da pianista Katia Linke, que interpretou tres pezas a piano, e cun recital poético a cargo de María Xosé Queizán, Miriam Ferradáns e a propia Yolanda Castaño.
Na súa intervención, a presidenta provincial, Carmela Silva, tivo un emotivo recordo para Sandra, Alba e Elena, as tres mulleres asasinadas esta semana en Valga e para Adaliz, vítima tamén doutro crime machista en Madrid. "Non hai sociedades decentes se nos seguen a asasinar polo mero feito de ser mulleres", asegurou.
Pola súa banda, Yolanda Castaño sinalou que "tamén nós, as creadoras, que nos expresamos ao través da creatividade, queremos berrar ben alto a necesidade da igualdade, de desterrar dunha vez por todas a violencia enraizada nun patriarcado sistémico".
A exposición "Sempre Marzo", que se pode ver no Pazo ata o 7 de novembro, presenta unha selección das obras das 33 artistas participantes no proxecto.
Entre as 21 creadoras atópanse Ángeles Jorreto, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, Isabel Pintado, José María Barreiro, Leandro Lamas, Lucía López, María Xosé Leira, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Ramón Astray, Rut Martínez, Sabela Arias Castro, Sabela Baña, Soledad Penalta, Vanessa Lodeiro, Viki Rivadulla e Xosé Vizoso. Os poemas son de doce autoras: María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, María Lado, Miriam Ferradáns, Rosalía Fernández Rial.