A Deputación de Pontevedra celebrará o vindeiro xoves 17 de outubro un seminario no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra para afondar no legado histórico do exilio galego e español en México.
O evento, titulado 'A Galería Diana de Cidade de México, 1954-1965. Reconstrución histórica dunha galería de arte do exilio galego e español', terá lugar de 16:00 a 20:00 horas.
O seminario analizará o papel da Galería Diana da capital azteca entre 1954 e 1965 como nexo entre os exiliados e as novas xeracións artísticas mexicanas.
O programa inclúe dúas conferencias e unha mesa redonda, nas que participarán expertos como Miriam Kaiser, Carmen Gaitán Salinas, Luis Rius Caso e José García-Velasco.
Destacan as intervencións de Samuel Diz e Beatriz Fontán, investigadores que traballaron na reconstrución da historia da Galería Diana, fundada pola compositora Rosita García Ascot e o seu marido, o musicólogo galego Xesús Bal y Gay.
O evento, de acceso libre, ofrecerá certificados de asistencia para as persoas inscritas previamente a través do correo reservas.museo@depo.gal.
Ademais, o seminario concluirá cunha actuación musical a cargo do alumnado do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, interpretando obras de Rosita García Ascot.
Esta iniciativa busca poñer en valor a importancia do exilio galego e español nas novas correntes artísticas do país azteca.