Durante a mañá deste luns, o xurado do certame Novos Valores 2021 reuníase e deixaba pasar á seguinte fase da convocatoria a 15 das 29 obras que se presentaban a esta edición.
Estes serán os traballos que se poderán ver na exposición que se inaugurará o 8 de xullo no Museo de Pontevedra e concluirá o 12 de setembro.
Xosé Manuel Rey, director do Museo, indicou que foron necesarias máis de dúas horas de reunión e debateuse rebaixar o número de obras seleccionables prevista inicialmente para manter a calidade de anos anteriores.
Na reunión prevista para principios de xullo, este tribunal analizará as pezas dos 15 artistas cando xa se atopen montadas nas salas do Museo e entre elas escollerán aquelas que consideren merecedoras das bolsas de 7.500 euros que outorga a Deputación de Pontevedra.
Nesta ocasión, só se presentaron 29 traballos, a cifra máis baixa de toda a última década. Segundo a organización, as restricións na idade e os novos requisitos das bases provocaron esta diminución de aspirantes.
A categoría onde se presentaron máis traballos foi pintura, con oito obras; seguida pola de técnicas diversas e mixtas, con sete; mentres que en vídeoinstalación presentáronse cinco; fotografía (4), escultura (2), e en gráfica, debuxo e gravado, unha obra en cada unha delas.
O xurado está formado, ademais do director do Museo; pola profesora asociada na Facultade de Belas Artes María Covadonga Barreiro; Itziar Ezquieta, artista plástica e tamén profesora asociada en Ciencias da Educación e do Deporte; Carmen Hermo, artista e profesora asociada de Belas Artes; Pilar Corredoira, historiadora de Arte Contemporánea e comisaria de exposicións; e Javier Pérez Buján, director artístico da Fundación Laxeiro.