Talía Teatro, ButacaZero, Os Naúfragos, Sarabela Teatro, Contraproduccións e o Centro Dramático Galego serán as seis compañías que formarán parte dunha nova edición do ciclo Ponteatro, que se celebrará no Teatro Principal entre o 10 de outubro e o 21 de novembro.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, destacou non só a calidade dos espectáculos senón o compromiso do teatro galego á hora de tratar temas de actualidade e comprometidos.
Así, as montaxes seleccionadas nesta ocasión abordarán asuntos como a educación sexual, o traballo precario, o espolio eólico, a esixencia do modelo de beleza ás mulleres, o racismo e a violencia ou a inmigración.
Ponteatro comezará o 10 de outubro con DeseXo, de Talía Teatro. É unha comedia protagonizada por Marta Ríos e Dani Trillo que fala claramente sobre sexo, analizando como foi a educación sexual da xeración actual e como se vive na sociedade máis sexualizada da historia.
O 17 de outubro será a quenda de O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, de ButacaZero. Nela, Esther F. Carrodeguas, cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, aborda a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que hai na sociedade.
Noso, de Os Náufragos, será a obra que se presente o 31 de outubro. Narra a historia dun home que reúne a súa familia para despedirse da casa da infancia cun vello ultramarinos-bar que rexentaban os seus pais e que vai a ser expropiada pola construción dun parque eólico.
O Centro Dramático Galego traerá a Pontevedra o 2 de novembro o espectáculo Terceiro acto. Con Belén Constenla, Fernando Morán ou Mabel Rivera á cabeza, unha troupe de actores veteranos reúnese pola noite para emprender a que, quizais, sexa a súa última aventura xuntos.
Pola súa banda, o 7 de novembro representarase O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, na que a partir da morte dun inmigrante sen papeis os seus compañeiros de traballo, encarnados por Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago ou Fran Lareu, imaxinan o seu derradeiro soño.
O ciclo pechará o 21 de novembro con Entrega en man, de Contraproducións. Evaristo Calvo, María Roja, Santi Romay e Diogo Sales protagonizan esta obra, a historia dun supremacista branco que ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle cortaron de adolescente.
Todas as obras representaranse os xoves ás 21:00 horas no Teatro Principal, agás Terceiro acto do Centro Dramático Galego, que por cuestión de escenografía e montaxe será no auditorio do Pazo da Cultura o sábado 2 de novembro.
Os abonos para todo o ciclo teñen un prezo de 30 euros e as entradas para cada un dos espectáculos estarán dispoñibles ao prezo habitual de 8 euros, catro para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos. Pódense adquirir en Ataquilla.com.