Seis bandas de Xeración Sónica participarán no Vira Fest de Paredes de Coura

Pontevedra
23 de marzo 2023

O proxecto musical pontevedrés Xeración Sónica realizará a súa primeira saída internacional esta fin de semana. Farao coa participación de seis bandas no Vira Fest de Paredes de Coura, en Portugal

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, anunciando a participación de Xeración Sónica no Vira Fest
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, anunciando a participación de Xeración Sónica no Vira Fest / PontevedraViva

O Concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, anunciaba este xoves que o proxecto musical pontevedrés Xeración Sónica realizará a súa primeira saída internacional esta fin de semana. Farao coa participación de seis bandas no Vira Fest de Paredes de Coura, en Portugal. 

Serán Vermes, Malo Será, Les Poubelles, REK, Simpsonhead e Ornitorrincos.

Xeración Sónica é un proxecto nado no 2018 co obxectivo de formar musicalmente á mocidade da cidade de entre os 13 e os 16 anos. Este proxecto encárgase de promocionar ás bandas, promover a música en galego, e realizar diversas actuacións no ámbito municipal para que os grupos comecen a dar os seus primeiros pasos na música.

As cancións son creadas polos grupos, que posteriormente gravan con axuda de profesionais e distribúense nas diversas plataformas dixitais como Spotify ou Apple Music.

O Vira Fest durará toda a fin de semana, e contará con diversas charlas, mesas redondas, e actuacións en directo das bandas participantes, todo iso co obxectivo de crear sinerxias e compartir proxectos. As bandas sairán de Pontevedra o sábado ás 9:30 horas, e documentarán con vídeo todo o que realicen durante o festival.

Doutra banda, o concelleiro tamén quixo anunciar que as bandas de Xeración Sónica dos anos 2021 e 2022 xa publicaron os seus últimos traballos en plataformas baixo o nome X-Sónica Vol.4. Pódense escoitar temas das bandas Froalla, Karonte, Maloserá, Simpsonhead, Vermes e Haku.

Alberto Oubiña explicaba que algunhas destas bandas xa non están xuntas por diversos motivos, explicando que "ao final medran, marchan á universidade e os seus camiños sepáranse", pero aclaraba que, noutros casos, continuan funcionando. 

Oubiña terminaba a súa intervención afirmando que este tipo de proxectos "fan cidade",  apuntando que conseguen crear un lugar mellor na nosa contorna.