PODCAST. 'El secreto de La Perfección', unha novela de mulleres traballadoras na semana do 8M

Pontevedra
07 de marzo 2025

As mulleres traballadoras das conserveiras, neste caso de La Perfección, dan contido á novela 'El secreto de La Perfección' que se publica na semana en que se conmemora o Día Internacional da Muller

Falamos no podcast 'Cara a cara' con Lola Fernández Pazos
Falamos no podcast 'Cara a cara' con Lola Fernández Pazos / PontevedraViva

'El secreto de La Perfección' non é un manual de autoaxuda; as dúas últimas palabras comezan con maiúsculas e ten un por que.

É unha novela de historia recente. Historia recente moi próxima, tan próxima que está ambientada na península do Morrazo. É tamén misterio, son relacións amorosas, de amizade, de vinganzas.

E é ademais homenaxe e reivindicación. Reivindica ás mulleres traballadoras das conserveiras, en concreto a aquelas cuxas vidas se cruzaron con La Perfección, a conserveira soñada polos Massip, que na realidade foron os Massó.

A homenaxe que quixo plasmar a autora, Lola Fernández Pazos, vai para aquelas mulleres e homes que emigraron a América co soño, ou a necesidade, dun futuro máis próspero.

Dúas mulleres sosteñen este relato. Unha, Lúa Cid, que recupera da súa primeira novela, 'El Pazo de Lourizán', e outra Elvira Fandiño, unha traballadora de La Perfección.

Ademais delas, comenta Lola Fernández que tamén quixo visibilizar "o empoderamiento de dúas mulleres reais: Matilde Bares, de Bueu e outra é Ana María Soto, unha traballadora social de Cangas que puido ser, se non a primeira, das primeiras traballadoras sociais. Coidaba da saúde, hixiene ou a vida familiar das traballadoras da conserveira".

Fálanos no podcast 'Cara a cara' do tempo que estivo a se documentar. Un dos temas foi a industria conserveira galega. En concreto sobre aquela familia catalá que emigrou a Galicia e quixeron "crear unha fábrica perfecta, sublime, onde non houbese hacinamiento, con óptimas condicións hixiénicas, un lugar que eles soñaron e que en 1926 verá a luz en Bueu e aí comeza a historia de Elvira Fandiño".

O feito de que 'El secreto de La Perfección' fale desas mulleres traballadoras e que a novela se publique a tres días do 8M, Día Internacional da Muller, foi totalmente casual. Satisfactoriamente, unha casualidade, asegura Lola Fernández.

A escritora e xornalista fai a primeira presentación do libro "no meu pobo e isto faime moita ilusión". Será este xoves día 7 na Biblioteca Municipal Manuel Torres de Marín a partir das 20.00 horas. No mes de abril ten xa pechas presentacións en Bueu e A Guarda.