O edificio Sarmiento acolle ata o 2 de outubro a mostra 'Saúde e Terra, irma(n)s!', organizada pola Real Academia Galega, polo Museo do Pobo Galego e pola Deputación da Coruña, na que se mostra o legado das Irmandades da Fala a través de 130 pezas. Este mércores inaugurouse nas instalacións do Museo de Pontevedra, un acto no que estiveron presentes representantes das catro institucións co presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; Xosé Manuel González Reboredo, presidente da Xunta Reitora e a responsabe da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, do mesmo xeito que o deputado de Cultura da Deputación, Xosé Leal e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A mostra ofrece a historia das Irmandades da Fala a través de dez temas que profundan na súa creación. Pódense observar publicacións, documentos, imaxes e obxectos. O visitante tamén terá a oportunidade de escoitar gravacións musicais e os disursos e articulos de personaxes da época. Pódese contemplar ademais unha selección de pezas artísticas relacionadas con temas que promoveron a acción das Irmandades.
O público pode coñecer a orixe do movemento e a súa evolución, desde as accións centradas na normalización do idioma ata a intervención política e aos seus principais protagonistas como os irmáns Vilar Ponte, Lois Porteiro Garea, Lois Peña Novo, Antón Losada Diéguez ou Vicente Risco. Tamén se analiza o novo rexurdimento literario, da man de autores como Ramón Cabanillas, Manuel Antonio, Ramón Otero Pedrayo e Rafael Dieste e de editorales como Céltiga, Lar ou Nós, dirixida por Ánxel Casal.
Ademais amosa a vinculación co teatro e o compromiso cunha arte galega exemplificada na obra de Castelao, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Francisco Asorey.
A exposición ofrece ademais a participación das mulleres nas Irmandades da Fala, que apostaron desde o primeiro momento pola igualdade absoluta, política e civil da muller e do home.
130 pezas, documentos orixinais e fotografías facilitadas por unha trintena de institucións e coleccións particulares espertarán a curiosidade dos visitantes, que poderán ver os lentes de Vicente Risco e de Ramón Cabanillas, a máquina de escribir de Valentín Paz Andrade ou o violín que Manuel Quiroga doou ao seu amigo Antón Losada.