A Libraría Paz acolleu este sábado un dos seus habituais 'vermús entre libros'. Nesta ocasión, a invitada foi a xornalista pontevedresa Sara Vila, que presentou a súa última novela, "O incendio", galardoada o pasado mes de novembro co Premio Blanco Amor.
Vila, que estivo acompañada da tamén xornalista Belén López e do editor Fran Alonso, explicou ante o público o proceso de composición deste libro, editado por Xerais.
En "O incendio", a segunda novela desta escritora, unha adolescente narra os acontecementos que marcaron os meses previos a un devastador incendio, que arrasou a aldea da súa avoa e cambiou a súa vida para sempre.
As primeiras experiencias sexuais, o acoso escolar, a morte e o forte vínculo coa súa avoa e cunha cadela abandonada determinar o devir da historia, ambientada nun rural descoidado que languidece aos poucos.
Así, Sara Vila explora a intimidade dunha nena que se fai adulta nun mundo hostil e violento, pero no que tamén afloran os afectos, as amizades e o pracer.