O artista pontevedrés Santiago Paredes Cruz fixo entrega dos dous modelos de cartel que deseñou para o Entroido 2022, festas nas que Pontevedra se atopa as súas portas, ao comezar este venres, a programación oficial.
Paredes é un dos artistas novos máis polifacéticos e coñecidos da nosa cidade, movéndose en terreos que van desde a ilustración até a música, pasando polo deseño e a banda deseñada. O creador reuniuse co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa concelleira de Festas, Carme Da Silva, para poder compartir o proceso artístico que realizou ao longo das últimas semanas.
O pontevedrés revelou que desde neno sempre imaxinou a Ravachol como un loro xa maior, entrado en anos, e que pensou que sería interesante imaxinar como era antes deses días derradeiros, anteriores a historia popular que todos coñecemos. Así, Paredes recreou ese niño sobre unha rama de camelia onde o famoso loro nace e medra.
O segundo modelo de cartel ocorre un tempo despois, cando un lume ameaza a vida de Ravachol. Este logra fuxir, pero o seu niño queda destruído polas lapas. Ora ben, o artista considera que de seguro logrará facer outro en algures.
O alcalde da cidade valorou moi positivamente o traballo feito por Paredes, explicando que captou moi ben a esencia dese símbolo tradicional que é Ravachol, e que ademais logrou contar unha historia interesante e imaxinativa en apenas dúas ilustracións.