A Feira das Industrias Culturais de Galicia (Culturgal) puxo á venda as entradas para a súa undécima edición, que se celebrará do 30 de novembro ao 2 de decembro en Pontevedra.
As entradas xerais para a feira poden adquirirse na web www.culturgal.com a un prezo de 3 euros para o público adulto, 2 euros o infantil, 10 euros un pack familiar con 2 adultos e 3 nenos e 11 euros outro pack de 2 adultos e 4 nenos. Ademais o ticket de grupos (mínimo 10 persoas) terá o custo de 2 euros por persoa.
Culturgal poñerá tamén a disposición dos interesados viaxes (entrada incluída) desde Ferrol (14 euros), A Coruña (14), Santiago (12), Lugo (14) e Ourense (14) con saída ás 10:30 horas e regreso ao peche da feira.
Ademais pódense adquirir tamén os billetes para os espectáculos de pagamento no Pazo da Cultura, a través da plataforma de Ticketea. Estes serán a velada de artes escénicas con Inversa Teatro e a obra "Sofía e as Postsocráticas" o venres 30, o concerto de Carlos Núñez o sábado 1 e as propostas seleccionadas para público familiar, OVIRAVAI e Xoán Curiel, o domingo 2 de decembro.
A feira conta contará con varias áreas e escenarios nos que se desenvolverá a programación: a Carpa para os directos de música, o Espazo Libro con charlas, debates, firmas e presentacións, o Escenario Infantil e o Foro, un espazo heteroxéneo que o venres se centrará en programación dirixida a profesionais da cultura. Ademais, por segundo ano consecutivo, o Espazo de Arte Contemporánea ocupará a Sala de Exposicións do Pazo.
Culturgal contará na súa undécima edición con máis de 80 casetas e 120 actividades durante os 3 días de feira, esperando congregar preto de 15.000 persoas.