A publicación do traballo discográfico 'Piperegrinos. As gaitas do Camiño'ofrece a esencia das interpretacións da xira que un conxunto de 18 artistas da península realizaban en outubro de 2021 por oito concellos das catro provincias galegas.
Esta edición, posible grazas á colaboración da Xunta de Galicia, desde Turismo de Galicia, e da Secretaría Xeral de Políticia Lingüística, recrea a viaxe sonora que se viviu durante aquelas datas cando no mesmo escenario se daban cita algúns dos mellores intérpretes ibéricos de gaita.
Todos estes gaiteiros españois e portugueses ofreceron pezas acompañados de músicos de gran traxectoria en formacións de trío e dúo: Francesc Sans ( sac de gemecs), Manel Martorell ( mandola) e Titus Prats (percusión) de Cataluña; Adrián Gil (gaita), Alberto Navas (violín) e Serchio Pardos (guitarra e percusión) de Aragón; os asturianos José Manuel Tejedor (gaita asturiana), Richard García (teclados) e Daniel Álvarez ( bouzouki e bodhrán); Luís Antonio Pedraza (gaita), Carlos Beceiro (guitarra) e Miguel Mateos (batería) de Castela e León; Tiago Morais (gaita de Miranda e gaitas) e Tiago Marques (acordeón) de Portugal. Destacan principalmente as intervencións de Oscar Ibáñez (gaita galega), Xosé Liz (bouzouki) e Andrés Vilán (caixón e bodhrán) de Galicia.
Con esta publicación tamén se pon de relevo a importancia da gaita como instrumento representativo das culturas europeas e mostra a importancia do intercambio cultural que se experimentou nos distintos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela. O álbum presenta a música folk nun formato dirixido a todos os públicos e sitúa a Galicia como referente do encontro e convivencia das gaitas ibéricas alimentando alianzas para futuras colaboracións artísticas.