Sábado de axitada axenda de actividades no Culturgal

Pontevedra
02 de decembro 2017

Entre os numerosos actos que se desenvolven no Pazo da Cultura durante a segunda xornada do Culturgal 2017 destaca a celebración do quinto aniversario de María Fumaça ás 16.30 horas e a presentación do disco 'Respirar' de Andrea Pousa

Visita a Culturgal 2017
Visita a Culturgal 2017 / Mónica Patxot

Tras unha primeira xornada con ampla participación de público de centros escolares, este sábado agárdase unha afluencia masiva de visitantes ao recinto feiral do Pazo da Cultura para asistir a Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, que se desenvolve durante estes tres días de decembro en Pontevedra.

As actividades comezan este sábado ás 11.00 horas no Espazo Infantil Deleite cun acto divulgativo a cargo da Unidade de Cultura Científica do CSIC de Galicia achegando os seus coñecementos na actividade 'Ciencia á Feira', que terá continuidade co espectáculo itinerante 'A musicleta e os instrumentos máxicos', de Pulpiño Viascón e ou Sr. Lili.

Tamén ás 11.30 horas, terá lugar a representación no Espazo Carpa de 'O conto das tres nozes que eram romas, que eram maças, que eram...' a cargo do grupo de teatro afeccionado Eu Experimento do Instituto Camoes de Vigo. Á mesma hora preséntase o XXXVII Caderno Ramón Piñeiro. Carlos Casares editado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Este sábado tamén comeza a actividade cinematográfica coa proxección de O rastro que deixamos ás 12.00 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Ás 12.30 horas no Espazo Arte Contemporánea desenvólvese un obradoiro de arquitectura para menores de 11 anos. 

Ao longo de toda a xornada haberá diferentes actividades que se poden consultar na programación da páxina web de Culturgal, entre as que destacan a presentación de 'Invisibles. De homes e mulleres. De maltratadores e torturadas' coa presenza da autora, Montse Fajardo, acompañada pola concelleira de Cultura, Carmen Fouces, que continuará cunha charla sobre o Pergamiño Vindel, a cargo dos profesores Pilar Lorenzo e Carlos Villanueva.

Ás 16.30 horas, no Espazo Carpa, celebrarase o quinto aniversario de María Fumaça. Unha hora máis tarde, no Espazo Libro, Teresa Moure presenta a súa obra 'Um elefante non armário'. A xornada finalizará ás 21.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura coa presentación do disco 'Respirar', de Andrea Pousa. As entradas pódense adquirir a un prezo de 10 euros en Ataquilla.

Arquivado en