Russinha e Parking Dust, reclamos para atraer a mocidade ao Recinto Feiral esta fin de semana

Pontevedra
20 de outubro 2021

O Concello volve programar dúas sesións musicais para este venres 22 e sábado 23 de outubro. Neste caso, trátase dunha aposta relacionada coas músicas urbanas actuais. Ámbolos concertos finalizarán ás 01.00 horas

Botellódromo no Recinto Feiral
Botellódromo no Recinto Feiral / Mónica Patxot

A aposta do Concello de Pontevedra por promover actividades que atraian á mocidade ao espazo do Recinto Feiral, onde se atopa o botellódromo, reactívase esta fin de semana con dúas novas actuacións neste punto da cidade.

Nesta ocasión trátase de dous concertos con músicas urbanas actuais que se desenvolverán o venres e o sábado a partir das 21.30 horas e finalizarán ás 01.00 horas. O acceso é libre e os concertos van desenvolverse na zona superior deste recinto.

O venres actuará Parking Dust, un dj habitual nas sesións nocturnas de Pontevedra, de onde é natural. Nas súas propostas ofrece diferentes modalidades de sons urbanos como o  trap ou o rap con referencias a melodías clásicas do movemento  hip  hop.

Russinha será quen ofreza unha sesión de dj durante a noite do sábado 23. Esta picadiscos de Santiago de Compostela caracterízase por combinar electrónica con diferentes estilos musicais. 

Con estes concertos, o Concello busca ofrecer unha alternativa de lecer coa intención de que non se rexistren botellóns incontrolados noutros puntos da cidade que provoquen problemas de convivencia con residentes e establecementos de hostalería.