'Rúas con memoria', un roteiro teatralizado para reflectir a represión que sufriron as mulleres de Pontevedra

Pontevedra
23 de marzo 2019

O roteiro intégrase nas actividades de 'Memoria das Mulleres' a través dun traballo textual da escritora Montse Fajardo. A actividade vai desenvolverse o domingo 31 de marzo a partir das 19.00 horas. Para asistir é necesario solicitalo a través do correo [email protected]>

As actrices Laura Goldar, Alexandra Vicente e Carmen Díaz coa autora dos textos do roteiro, Montse Fajardo
As actrices Laura Goldar, Alexandra Vicente e Carmen Díaz coa autora dos textos do roteiro, Montse Fajardo / Mónica Patxot

O programa 'A Memoria das Mulleres' continúa a explorar diferentes espazos creativos para recoller a historia de mulleres pontevedresas que sufriron a represión durante a época franquista. Deste xeito, o domingo 31 de marzo vai realizarse a partir das 19.00 horas un roteiro por catro puntos da cidade recollendo historias de mulleres de distintas épocas da etapa da ditadura para amosar o sufrimento polo que tiveron que pasar e tamén os lazos de solidariedade que se estableceu entre elas.

Este venres o concelleiro de Patrimonio Histórico Luís Bará, a escritora Montse Fajardo e tres das actrices da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra, Laura Goldar, Alexandra Vicente e Carmen Díaz, presentaban esta actividade que baixo o título 'Rúas con memoria' comezará ante o edificio da Deputación Provincial. Alí celebrándose "parodias xudiciais", en palabras de Montse Fajardo, para condenar a morte a persoas como os irmáns Consuelo e Ramón Acuña. 

O roteiro continuará na parte posterior da Audiencia Provincial, onde se recrea o cárcere en que permaneceron retidas ducias de mulleres e onde quedou constancia da solidariedade entre moitas delas, axudándose e facéndose cargo dos fillos. 

A praza da Peregrina amosará as intervencións que se facían nas casas de intelectuais galeguistas e as humillacións que sufrían as mulleres, que foron asasinadas, enfrontáronse a castigos sexistas ou tiveron que aturar abusos dos represores. Nos Soportais, chegará un punto de encontro de familias republicanas tras outra escena de carga dramática.

Nestas representacións participarán ao redor de 40 persoas, tanto intérpretes da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra como de Avelaíña Teatro, Aula de Teatro do CIM, integrantes de agrupacións de institutos da cidade ao igual que de formacións folclóricas como Os de Algures ou Solimán. Todo o traxecto contará co apoio musical de Lucía César e Manuel Dopico.

Para representar aquelas inxustizas tomáronse como referencias o web do Concello de Pontevedra, Do gris ao violeta, onde aparecen recollidas algunhas das protagonistas destas historias. Tamén se empregaron imaxes dos Álbumes da Guerra, de Castelao, como elementos visuais para amosar estas reseñas biográficas.

Para poder realizar o roteiro é preciso apuntarse a través do correo [email protected] ou comunicalo no Concello de Pontevedra. Están limitadas as prazas a 50 persoas.

PREMIOS MARÍA CASARES

Montse Fajardo amosaba tamén este venres a súa satisfacción, ao igual que a concelleira de Cultura Carmen Fouces, polos tres galardóns obtidos durante a gala dos Premios María Casares pola montaxe 'Invisibles', baseada na novela da escritora e xornalista de Vilagarcía de Arousa.

A produción na que participou o Concello de Pontevedra en colaboración con Redrum Teatro obtivo o premio á mellor dirección para Marián Bañobre; mellor adaptación-traducción para a propia directora e para Santiago Cortegoso, ademais do premio á mellor iluminación que foi a mans de Laura Iturralde.