Na edición deste 2021 de Culturgal, Sanxenxo presenta unha actividade vinculada á tradición galega a través da Asociación Cultural Andarela. Trátase dun 'Roteiro coa Compaña. Crenzas e medos', unha actividade que se poñerá en marcha ás 19.00 horas do sábado 29 no posto central da Feira das Industrias Culturais, que comeza este venres no Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra.
Este colectivo realiza unha emulación da Santa Compaña, con "almiñas" que se atopan guiadas pola Estadea e visitan diferentes puntos das parroquias de Sanxenxo. Unha acción que desenvolven nos meses de novembro dos últimos anos coincidindo co Día dos Defuntos.
A agrupación está formada por mulleres activas e comprometidas, que levan máis dunha década realizando roteiros culturais para ofrecer información tanto arqueolóxica de castros e mámoas como de expresións artísticas ou da historia de diferentes puntos de Sanxenxo.
Segundo as representantes da Asociación, a actividade céntrase en presentar as tradicións co obxectivo de que non se perdan co paso das xeracións, ao mesmo tempo que se ofrece unha actividade lúdica e participativa.