'Rosalíate': unha homenaxe a Rosalía de Castro con representación femenina

Pontevedra
20 de febreiro 2018

Cinco artistas pontevedresas encherán Pontevedra de música e poesía na mañá do sábado 24 de febreiro. O concelleiro Alberto Oubiña adianta unha "sorpresa" relacionada coas esculturas da praza de San Xosé

Zona peonil da rúa Rosalía de Castro
Zona peonil da rúa Rosalía de Castro / Juan Mejuto

A escena cultural pontevedresa segue ampliando as súas propostas. Despois do anuncio do Noites Abertas 2018, o Concello de Pontevedra pon en marcha a actividade 'Rosalíate', unha homenaxe á indiscutible representante da literatura galega, Rosalía de Castro, cunha representación claramente feminina.

O sábado día 24 de febreiro a zona peonil da rúa Rosalía de Castro servirá como escenario para unha serie de concertos protagonizados por artistas pontevedresas. Laura Solla, Yoli Saa, Bea Mazaira e Heva homenaxearán á autora versionando os seus poemas en clave musical.

Os viandantes poderán gozar desde as 12:30 horas do talento das devanditas artistas, ademais doutras actividades como a acción poético-reivindicativa da man da poeta Tamara Andrés, ou a lectura aberta das obras da escritora homenaxeada a todos aqueles que desexen participar.

Ademais, se levará a cabo unha "pequena sorpresa", como sinalou o concelleiro Alberto Oubiña, relacionada coas esculturas da Praza de San Xosé. O 'teaser' emitido na presentación da actividade insinuaba que o asento baleiro podería ser ocupado pola figura da poeta, rompendo, desta maneira, co ambiente masculino do conxunto escultural. Co día 8 de marzo cada vez máis próximo, relaciónase este anuncio co movemento feminista que reivindica o recoñecemento da figura da muller na sociedade, sendo o ámbito cultural un dos tantos carentes de representación feminina.

Oubiña adiantou que se anunciarán nas próximas semanas outras actividades culturais, como talleres de normalización lingüística ou accións relacionadas coa autora María Victoria Moreno, homenaxeada este ano no día das Letras Galegas.