Rosa Cedrón Dúo, The Lakazáns e Os Carunchos porán fin este domingo aos concertos das Festas da Peregrina

Pontevedra
16 de agosto 2020

Durante a noite do sábado, o público puido gozar da música de Moloch na praza da Ferrería; de Daniel Minimalia na praza de España e de Pablo Lesuit nas pistas de Campolongo, que forman parte da programación de Pontevedra Vívese. Todas as actuacións desenvólvense en espazos con límite de público e mantendo os protocolos sanitarios

Concerto de Daniel Minimalia
Concerto de Daniel Minimalia / Cristina Saiz

A noite deste sábado dentro da programación das Festas da Peregrina nas actividades de Pontevedra Vívese deixou o impacto da música da banda Moloch, que na praza da Ferrería ofrecía un concerto de música progresiva. Esta banda galega creada no ano 2018 ofrece sons experimentais poñendo melodías aos traballos poéticos do pontevedrés Jorge Cuña.

Na praza de España, o músico residente en Ourense Daniel Minimalia presentaba temas dos seus traballos 'Arena de Luna' e  'Origen', un álbum que foi candidato aos Grammy Latinos. Este instrumentista conta con referencias tan significativas como as de Mike Oldfield e xa conta con varias nominacións aos premios Hollywood Music Award, obtendo un galardón polo seu tema 'Olas del sur'.

Por último, nas pistas de Campolongo, outro artista galego, o multi-instrumentista Pablo Lesuit presentaba o seu último disco, 'Belorizonte', un traballo editado por Esmerarte neste 2020. Este músico fixo unha xira por Sudamérica que influíu na composición das súas últimas pezas. O seu traballo está avalado por artistas do nivel de Jorge Drexler, que colaborou no seu primeiro álbum 'Tiempo'.

Este domingo conclúen os concertos das Festas coa actuación a partir das 22.00 horas na praza da Ferrería de Os Carunchosgrupo de musica tradicional galega creado no ano 1994 na cidade de Vigo. Media hora máis tarde chegará a actuación estelar de Rosa Cedrón en formato dúo na praza de España, a artista monfortina que comezou a súa carreira coa agrupación 'Luar na Lubre' entusiasmou a audiencia do programa Operación Triunfo coa súa interpretación con Sabela de 'Negro Caravel' e volverá ofrecer os seus mellores temas na noite deste domingo en Pontevedra.

Ás 22.30 horas, neste caso nas pistas de Campolongo, a música virá da man de The Lakazáns, un grupo de soul e blues de Boiro con sete compoñentes, que sorprenderán al público que se achegue ao seu recital.

Todas as actuacións desenvólvense en recintos valados, con capacidade limitada e coa obriga de que o público permaneza sentado, mantendo as normas do protocolo sanitario para evitar o espallamento da Covid-19. 

Arquivado en