Rosa Cedrón fixo fronte á choiva na noite deste domingo 16 subíndose ao escenario da Praza de España e ofrecer unha actuación que poñía o colofón ás Festas da Peregrina 2020, que estiveron marcadas pola pandemia da Covid-19.
Ao redor dun centenar de persoas seguiron o concerto da artista lucense desde as cadeiras instaladas no recinto nunha noite desapracible na que o goberno local, como adoita suceder neste tipo de casos, decidía manter os actos festivos na rúa a pesar das inclemencias do tempo meteorolóxico.
Rosa Cedrón realizou un repaso do mellor do seu repertorio co seu estilo persoal e a liña musical de world music, que vén mantendo desde o seu álbum 'Nada que perder', editado no ano 2016.
Tamén na praza da Ferrería, a agrupación de música tradicional Os Carunchos ofrecía un concerto ateigado de composicións festivas seguidas por escaso público que, en varias ocasións, tivo que facer uso do paraugas durante o transcurso da actuación.
O Concello de Pontevedra decidía, en cambio, suspender a actuación da banda The Lakazáns prevista nas Pistas de Campolongo. Dúas horas antes do concerto comunicábase por redes sociais a cancelación do evento debido á presenza da choiva. Tamén se suspenderon as actividades infantís previstas para a tarde na Alameda e na praza de Amalia Álvarez.