O pontevedrés Roberto Taboada presenta a súa última obra, Castelao. Ilustrador de libros infantís e xuvenís, 1941-1944. Bos Aires.
Un caderno recompilatorio que honra a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950), no marco do Ano Castelao, que conmemora o 75 aniversario do seu falecemento.
Trátase dunha faceta que, segundo afirma Taboada, é unha gran descoñecida na obra de Castelao.
De feito, foi o galego que máis libros ilustrou na famosa colección Biblioteca Billiken, publicada pola editorial Atlántida en Bos Aires.
Esta colección, impulsada polos exiliados galegos, foi unha base fundamental na difusión cultural durante o exilio en Arxentina e tivo un impacto significativo na literatura infantil e xuvenil.
A obra autopublicada por Taboada analiza a participación de Castelao na Biblioteca Billiken, que se estruturaba en tres series principais: a serie Roja, dedicada ás grandes obras da literatura universal; a serie Verde, centrada en biografías de figuras famosas; e a serie Azul, que ofrecía un achegamento ao coñecemento de América.
Entre 1941 e 1944, Castelao ilustrou polo menos doce libros, ofrecendo un estilo único que convertía cada volume en pequenas obras de arte.
Os seus debuxos, non só engadían un valor estético, senón que tamén reflectían as súas ideas reivindicativas a través da expresividade das súas liñas e cores.
Entre as obras que contan con ilustracións de Castelao atópanse títulos como Los héroes del África misteriosa, Marie Curie e Aventuras de Tom Sawyer, entre outras.