Como nas súas mellores ocasións, José Rivas Fontán volveu a encher o Teatro Principal. Só que esta vez non para dar un mitin político senón para presentar as súas memorias.
Unhas cincocentas persoas encheron este luns tanto o patio de butacas como o anfiteatro do emblemático edificio, incendiado e recuperado durante os seus anos como alcalde da cidade, para acompañar ao ex rexedor neste día tan sinalado.
Ao seu lado, como non podía ser doutra maneira, atopábase o xornalista Adrián Rodríguez, autor de Solo Rivas Fontán: Memorias de un político lejos del rebaño, o libro publicado a editorial Alvarellos, no que o político pontevedrés fai todo un exercicio de sinceridade e analiza os feitos e as persoas que marcaron a súa traxectoria persoal e profesional.
A presentación, na que os pontevedreses mostraron o seu agarimo e respecto a un dos alcaldes máis importantes da historia da cidade, comezou cunha sentida homenaxe ao pontevedrés Sabino Torres, falecido este luns en Madrid, para o que se gardou un minuto de silencio con todo o Teatro Principal posto en pé.
A partir de aí, Rivas Fontán e Adrián Rodríguez, que estiveron acompañados do xornalista Manuel Jabois -autor do prólogo do libro- e do editor Henrique Alvarellos, foron presentando aos asistentes algunhas das historias que se inclúen neste libro.
Nel, os lectores non só descubrirán ao primeiro alcalde democrático de Pontevedra, ao líder sindical do movemento de mestres que acabou como deputado constituínte nas filas da UCD de Adolfo Suárez ou ao primeiro secretario xeral da Xunta de Galicia, senón que tamén poderán coñecer a eses homes e mulleres cos que se cruzou ao longo de todos eses anos de dedicación política.
Así, Rivas Fontán narra o seu enfrontamento co xuíz Luciano Varela, as súas conversacións con políticos da talla de Adolfo Suárez, Mariano Rajoy, Manuel Fraga ou Xosé Cuíña, cos que compartiu confidencias e historias que sorprenderán a máis dun, ou os motivos polos que abandonou o PP dando unha portada e enfrontado con máis dun compañeiro do partido.
Pero sobre todo, os lectores verán no libro a Pepiño da Gándara, aquel neno de Verducido, a ese pai de familia que asistía impotente ao seu desfile xudicial no telexornal das tres, ao alcalde que plantou cara a propios e estraños ou ao ser humano que chegou a notar unha erosión interior descomunal e imparable.