PODCAST. Ricos e poderosos asasinados en Sotogrande, así son 'Los crímenes del caviar' de Reyes Calderón

Pontevedra
31 de xaneiro 2025

En 'Los crímenes del caviar' a Iturri, comandante da Interpol, tocaralle investigar a morte de seis persoas riquísimas e poderosas: en Sotogrande, o mesmo día e do mesmo xeito

Reyes Calderón asina con 'Los crímenes del caviar' a súa duodécima novela
Reyes Calderón asina con 'Los crímenes del caviar' a súa duodécima novela / PontevedraViva

Doce novelas acumula no seu haber de escritora Reyes Calderón. A máis recente 'Los crímenes del caviar', a oitava entrega da serie policial que ten como protagonistas á xuíz Lola MacHor e o comandante Iturri.

Esta vez, ao policía da Interpol tocaralle investigar en Sotogrande a morte de seis persoas riquísimas e poderosas, o mesmo día e do mesmo xeito.

Son un empresario farmaceútico e a súa muller, un príncipe árabe, un cardeal candidato a Papa, un coñecido empresario e un médico que resulta ser o marido da muller da que segue namorado, a xuíz MacHor.

Unha xuíz á que "nunca lograron institucionalizala, corrompela ou dobregala", así que cabe preguntar si Calderón escribía máis aló desta muller: "necesitamos un Poder Xudicial que non se corrompa, que manteña, non as súas ideas senón a lei, que non sexa dobregado polo resto de Poderes. Creo que esa reflexión está hoxe en día en España e está na Xustiza".

Durante a charla que temos no podcast 'Cara a cara' coa autora afirma que o proceso de construción desta novela supuxo para ela unha etapa de "catro anos apaixonantes, aprendín moitísimo e coñecín un mundo complexo como o do poder e as elites".

Reyes Calderón reflicte un crisol de personaxes das altas esferas sociais que compendia así: "hai un tipo de elite que a chamo educación e descanso, viven das rendas e nada máis. Hai unha nobreza de cuño, traballadora, con propensión ao consumo moi baixo e que mantén as súas propiedades. E logo están os novos ricos que exhiben as súas riquezas e gústalles que lles admiren e que todo o mundo saiba que son ricos. Son moi distintos".

Xunto a eses perfís reais cos que crea os seus personaxes tamén hai conspiracións entre a curia romana, tráfico de haxix na costa gaditana, as orixes de Sotogrande, investigación científica e mesmo un home e unha muller cuxa identidade non se desvela, ou si... "o innomeable non significa que non exista, ou que ten menos poder; ao revés, canto menos vexámolo máis influencia poden ter porque senten máis libres. Eu téñolles tamén bastante simpatía", di sobre eles.

Descóbrenos ademais que Reyes Calderón é profunda coñecedora das Rías Baixas: "vou desde que teño seis anos todos os veráns, á zona de praia América, a Baiona e fágome as boias da costa cunha amiga. Ponnos un flotador para que non nos perdamos, poque temos xa certa idade. Para min é o paraíso, un dos sitios onde son máis feliz".

É ese o motivo polo que "en todas as miñas novelas hai un lugar de Galicia. É a terra, é o mar e o carácter da xente, eu síntome moi a gusto". E esta vez, en 'Los crímenes del caviar' foi A Fonsagrada.

Reyes Calderón é Doutora en Economía e Filosofía. Compaxina a docencia universitaria, coa faceta de tertuliana radiofónica e a de escritora. Conta cun Premio Avogados de Novela e un Premio Azorín.