Este xoves 20 de marzo celébrase o Día Internacional da Narración Oral, unha data que pon en valor a arte de contar historias en voz viva e a súa importancia na nosa identidade cultural.
Orixinada en Suecia no ano 1991, a celebración desta data en Galicia xurdiu en 2021 da man do grupo de contadores de contos infantís Pavís Pavós, en colaboración co Festival Internacional de Narración Oral Atlántica e a NOGA (Asociación de Narración Oral Galega), como un xeito de promover a importancia cultural da narración oral.
A festividade terá lugar en bibliotecas, prazas e centros culturais de toda Galicia desde o 20 ata o 31 de marzo, incluíndo 120 sesións de contos en 11 días, e contando coa participación de artistas como Quico Cadaval, Paula Carballeira, Sole Felloza, Paco Nogueiras, Celso Fernández Sanmartín Caxoto, Vero Rilo, Cris de Caldas, Dani Blanco, Atenea García, ou Marta Ortiz, entre outros.
Dentro dos lugares onde se realizan estes encontros, destacouse o papel do Salón do Libro, que, tanto dentro como fóra desta data, se sitúa como unha das inicativas máis importantes para promover a narración oral, conectando xeracións e promovendo a transmisión de historias vivas.
"É un dos espazos onde máis contos se escoitan en Galicia, e en toda a Península", comentou Tareixa Alonso, creadora, xunto a Xacobe Rodríguez de Pavís Pavós.
Durante o acto de presentación, Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura, destacou a importancia da narración oral como a expresión literaria máis antiga, lembrando que, antes de que existira a escrita, os contos eran a principal forma de transmisión de historias.
Tamén fixo fincapé na importancia desta arte como a primeira aproximación á literatura para os nenos e nenas que se achegan "á literatura cando as súas nais, pais, avós, ou entre eles se contan contos" e na súa capacidade de poñer "ao mesmo nivel, as creacións populares e as creacións académicas. Alí, disfrutamos de todas por igual, que é algo que o resto da literatura non consigue facer".
No evento, presentouse o cartel do Día Internacional da Narración Oral, deseñado pola artista gráfica Raquel Boo, xunto co manifesto deste ano.
Este 2025, a realización deste texto estivo nas mans de Ana Rodríguez, membro do pioneiro grupo de cantareiras Leilía, coñecido pola súa labor como recolectoras e transmisoras da tradición oral galega, e que tal como explica no manifesto "contribuíu en gran parte a esta revolución, a facer que a música do pobo volva a ser do pobo e soe en prazas, xuntanzas, celebracións...".
O grupo Leilía foi pioneiro en poñer en valor as músicas e cantigas do pobo galego, recuperando e reinterpretando as melodías e narracións populares que se transmitían de xeración en xeración, especialmente aquelas levadas a cabo polas mulleres, as cantareiras.
Neste contexto, a elección de Ana Rodríguez para redactar o manifesto está estreitamente vencellada ao recoñecemento por parte da Real Academia Galega no Día das Letras Galegas deste ano ás cantareiras, como creadoras, conservadoras e transmisoras da tradición oral galega.
Xacobe Rodríguez recalcou que, ademais de ser un día festivo, o Día Internacional da Narración Oral ten, como base, un carácter reivindicativo. O representante de Pavís Pavós destacou a necesidade de dignificar e revalorizar a arte de contar historias de maneira oral, reclamando espazos dignos para o seu desenvolvemento. "Se un pobo esquece os contos e as historias, perde a súa memoria e identidade como pobo", explicou, reafirmando a importancia de preservar esta tradición oral como un elemento fundamental do noso imaxinario colectivo.
Ademais das actividades que terán lugar ata o 31 de marzo, a cidade de Pontevedra acollerá, en xuño, o festival Sete Falares, que reunirá narradores de todo o mundo entre o 8 e o 15 dese mes. Este evento, organizado por Pavís Pavós en colaboración co Concello de Pontevedra, consolida a cidade como un referente na defensa da narración oral e da tradición cultural.