A diversión a raudais do "High Speed Polka Ska Groove" de Russkaja, os ritmos xamaicanos da novísima High Paw, a rumba, cumbia e fusión do catalán Joan Garriga, a banda galega de street punk/Oi! Keltoi, o hip hop contundente de Ayax y Prok e a festa e alegría do reggae de Auxili.
Son as seis novas incorporacións ao festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán entre os días 17 e 19 de agosto. Todas elas súmanse á décimo quinta edición dun festival que xa anunciara os concertos de Zoo, Steve 'n' Seagulls e Banda Xangai.
Russkaja é unha das bandas máis divertidas do panorama musical actual. Os seus temas teñen unha poderosa forza que non entende de países, linguas ou culturas, e a súa música defínese como High Speed Polka Ska Groove con virtuosas e sucias guitarras coas que mesturan estilos arredor de todo mundo.
High Paw é unha novísima e prometedora viguesa que comezou a súa andaina musical aos 15 anos como letrista e vocalista de distintas bandas. Na actualidade, e tras a súa inmersión definitiva na música xamaicana, é coñecida por colaborar co veterano Nahno Selektah e polas súas actuacións en numerosos festivais.
Joan Garriga é un músico catalàn que toca o acordeón diatónico e canta rumba, cumbia e fusión. Ao longo da súa carreira ten colaborado con outros músicos como Manu Chao, Amparanoia, Peret ou Muchachito Bombo Inferno e participado en varios proxectos como Radio Bemba, Xerramequ Tiquis Miquis, Atomik Pardalets ou Ensalada rusa So Insistent.
Keltoi! (Celtas) é grupo galego de street punk/Oi! formado en Vigo en 1995. Seguidores de bandas como Cockney Rejects, Stiff Little Fingers, ou The Clash, Keltoi! nunca agocharon o seu orgullo de pertencer á clase traballadora galega nin o seu compromiso antifascista.
Ayax y Prok son o grupo do momento, abanderados do hip hop máis contundente, sobre ritmos cun exquisito sabor clásico. A súa lingua viperina, sen pelo algún e a súa desenvoltura colocáronos na cima do hip hop granadino, que xa empeza a ter repercusión a nivel estatal.
O seu rap é xenuíno, provocador, auténtico, transgresor e logra transmitir o perigo real co que convive a xente dos suburbios, os que de verdade veñen desde abaixo, xurdidos das cloacas pero non están dispostos a tragar as súas frustracións.
Auxili é unha banda valenciana cun marcado estilo reggae. O seu directo ofrece doses de loita, festa, alegría e desmadre e a súa conexión co público e posta en escena convertéronse nas mellores ferramentas para consolidar o proxecto entre a crítica e entre os seus seguidores. Presentarán o seu último traballo, máis persoal íntimo, positivo, versátil e con cancións nas que atopamos letras baseadas en diferentes momentos, estados de ánimo e o día a día.
Nos próximos meses, a organización dará a coñecer ao resto de bandas que formarán parte da súa proposta final, no que se augura que será un irrepetible Festival das Linguas para despedir o verán por todo o alto
Os abonos para os tres días de festival continúan á venda en www.revenidas.com a un prezo de 28 euros máis gastos de xestión nunha oferta limitada para as 200 primeiras compras.