Retallos de mundo: São Miguel, a fermosa alfaia verde das Azores

Poio
02 de marzo 2025

Xesús Constela afirma nesta reportaxe que "dende que fixen esta viaxe non podo pensar en São Miguel se non é como unha fermosísima alfaia coloreada dun verde intenso que está presente en cada recuncho"

Cráter de Sete Cidades
Cráter de Sete Cidades / Xesús Constela

Dende que puxen un pé na illa de São Miguel, a máis grande das Azores, fun incapaz de non sucumbir aos seus encantos, non só pola fermosura das súas monumentais vilas e cidades, senón tamén pola súa paisaxe desbordante de vexetación, con extensas plantacións de te e invernadoiros de cristal onde se cultivan piñas deliciosas, con innumerábeis cráteres volcánicos e áreas de desafiantes fumarolas, con caldeiras ocupadas por lagoas fascinantes e con miradoiros de vistas inabarcábeis esparexidos por unha costa agreste, aberta a un mar onde tanto é posíbel bañarse en augas quentadas por mananciais termais como ver cachalotes e baleas que usan esta zona do mundo para tomar un descanso nas súas longuísimas rutas migratorias. São Miguel é, sen ningún xénero de dúbida, unha verdadeira alfaia en medio do Atlántico.

Ponta da Ferraría
Ponta da FerraríaXesús Constela

Tomei como punto de partida a vila de Ponta Delgada, capital de facto do arquipélago, que acadou o rango de cidade no ano 1546 e pasou por momentos de grande esplendor, tal como ben puiden comprobar ao longo dos moitos paseos que fixen polas súas rúas empedradas con lastras negras de orixe volcánica, que me conduciron a lugares tan fermosos como o Forte de São Brás, con rexos muros construídos para protexer a illa fronte aos ataques dos piratas, e ao edificio barroco dos Paços do Concelho, e ás chamadas Portas da Cidade, que son os restos do seu antigo acceso, e ás monumentais igrexas de São Sebastião, deSão Pedro, e de Todos-os-Santos, e tamén ás tres flamantes sedes históricas do Museo Carlos Machado, que, ademais de salas de arte e exposicións etnográficas sobre as Azores, albergan unhas máis que interesantes coleccións da historia natural dunhas illas visitadas por Charles Darwin no ano 1836 nunha escala da súa viaxe no Beagle.

Ponta Delgada. Forte de Sao Brás
Ponta Delgada. Forte de Sao BrásXesús Constela

Pero os verdadeiros tesouros desta alfaia verde que é São Miguel funos descubrindo pouco a pouco, ao longo de moitas xornadas dedicadas a me mover pola súa xeografía nuns traxectos que comecei pola súa zona central, onde, dende o miradoiro do Pico da Barrosa, un dos puntos máis altos da illa, a case mil metros sobre o nivel do mar, descubrín a fermosísima Lagoa do Fogo, que ocupa o interior do cráter do volcán inactivo de Água de Pau, que ten quince mil anos de antigüidade e me pareceu o lugar perfecto para facer unha camiñada e para me deixar abraiar pola tremenda exuberancia do entorno.

Outro día fun cara ao leste para me achegar á vila de Furnas, que me resultou un lugar único porque se encontra no interior do volcán que lle dá nome e que, malia estar durmido, ou iso din, presenta unha incesante actividade que se me manifestou de xeito continuado a través de fumarolas a botar gases de xofre e caldeiras con auga en ebulición que puiden ver e, por suposto, tamén ulir, por todos os lugares polos que me movín.

Caldeiras e fumarolas de Furnas
Caldeiras e fumarolas de FurnasXesús Constela

Ao pé da Lagoa de Furnas, outra das grandes masas de auga doce que abundan pola illa de São Miguel, escoitei unha fermosa lenda que conta que un día, hai moitísimos anos, un neno descubriu que a auga dun manancial da súa vila se volvera tan salgada que os peixes empezaran a morrer, pero soamente lle fixo caso o seu avó, e ambos os dous decidiron marchar moi lonxe perante a total indiferenza dos seus veciños, e cando por fin, pasado moito tempo, regresaron ao lugar, descubriron, pasmados, que a súa vila desaparecera para sempre baixo as augas dunha lagoa coas súas beiras inzadas de columnas de fume provocadas polos seus antigos habitantes, que seguían a cociñar dende debaixo do chan.

Furnas, potas de cocido enterradas
Furnas, potas de cocido enterradasXesús Constela

Esta historia tan sorprendente, que dá unha imaxe perfecta do contorno da lagoa, cheo de fumarolas que xorden do seu solo volcánico que parece a piques de entrar en ebulición, e mesmo ás veces quizais o estea, dáme pé para falar do afamado cozido de Furnas, un suculento prato de carne, embutidos e verdura que se cociña aproveitando a calor da terra, e para iso as potas que conteñen os ingredientes lévanse a diario ás caldeiras que hai na zona para enterralas no chan quente, onde o cocido se deixa cociñar ao longo de case oito horas para logo degustalo acompañado de bolo lêvedo, un delicioso pan doce típico da illa, e quizais tamén dalgunha das cinco variedades de queixos que se fabrican con salmoira feita coa auga amarga dalgunha das fontes que hai nos arredores.

Caldeiras e fumarolas de Furnas
Caldeiras e fumarolas de FurnasXesús Constela

Outro día fun até a histórica fábrica de Chá Gorreana, fundada en 1883 e en funcionamento continuo dende entón grazas ás condicións perfectas que São Miguel ofrece para a plantación da planta do té, a camellia sinensis, cultivada de xeito ecolóxico en solos arxilosos sen usar herbicidas nin pesticidas, e esta visita agasalloume cunha oportunidade perfecta para coñecer o proceso de fabricación dun té delicioso producido dun xeito totalmente respectuoso co medio ambiente.

Fábrica de te Gorreana
Fábrica de te GorreanaXesús Constela
Plantación de te de Gorreana
Plantación de te de GorreanaXesús Constela

Ese mesmo día visitei os enormes invernadoiros de cristal da empresa Ananás de Santo António, no lugar de Fajã de Baixo, na proximidade de Ponta Delgada, que me pareceu o lugar ideal para coñecer o proceso tradicional de cultivo da piña das Azores e tamén para gozar dunha boa ración de deliciosa froita fresca.

Dediquei outra xornada a me achegar á costa, concretamente á Ponta da Ferraria, que me obsequiou cunhas vistas espectaculares do océano e dun entorno natural con impresionantes formacións xeolóxicas moldeadas pola ao longo dos séculos pola lava volcánica, e é famoso por ser o único lugar da illa onde a auga procedente das moitas termas que hai por todas partes brota directamente dende o fondo do mar cara ao interior dunha sorte de piscina natural onde puiden gozar dun relaxante baño quente ao aire libre, unha sensación tan singular que non dou atopado palabras para describila.

Ponta da Ferraría
Ponta da Ferraría Xesús Constela

Tamén na costa, pero a moita distancia da Ferraría, pasei unha magnífica mañá nas areas negras dapraia da Ponta dos Mosteiros, na costa noroeste, onde me deixaron engaiolado as impresionantes vistas duns altísimos farallóns que crean unha paisaxe espectacular que, unha vez máis, é o resultado da intensa actividade volcánica que deu orixe a esta illa, e dende alí, cando xa se aproximaba a hora do solpor, dirixinme a Ribeira Grande, a segunda cidade de São Miguel, para poder admirar a súa arquitectura histórica, como a ponte de oito arcos que ten na entrada, as súas praias de area negra, unha delas a máis grande da illa, e o Parque Natural de Ribeira dos Caldeirões, cheo de fermosos saltos de augae muíños de vento tradicionais.

Ribeira Grande
Ribeira GrandeXesús Constela

Á mañá seguinte embarquei nunha lancha para realizar unha ruta inesquecíbel pola costa. Durante o percorrido, puiden observar numerosos golfiños, que se nos achegaban con ánimo de xogar ao noso redor. Ademais, tiven a sorte de avistar varios impresionantes exemplares das moitas baleas e cachalotes que, en determinadas épocas do ano, escollen o arquipélago das illas Azores como parada nas súas rutas migratorias, atraídos pola abundancia de nutrientes nas súas cálidas augas, que crean o ambiente ideal para a súa reprodución.

Foi unha experiencia fascinante estar tan preto de seres tan impoñentes, que nadaban con tal tranquilidade que mesmo algúns deles estaban a durmir, alleos por completo á nosa presenza.

E para rematar a miña estancia en São Miguel fixen unha camiñada até un lugar que me quedaría para sempre gravado na memoria, o miradoiro do Rei, bautizado así en honra do penúltimo monarca de Portugal, Carlos I, morto en 1908 nun tiroteo na Praça do Comércio de Lisboa, que no ano 1901 fixo unha visita ás illas Azores na compaña da súa esposa, dona Amélia de Orleáns, e se achegou ao lugar para contemplar as asombrosas vistas da caldeira volcánica de Sete Cidades, para cuxa descrición vou tomar prestadas unhas palabras do escritor Raul Brandão, collidas do seu libro As Ilhas Desconhecidas, no que escribiu: Pela primeira vez na minha vida não sei como descrever o que vejo ou sinto. Conheço os lagos voluptuosos de Itália e os lagos adormecidos da Escócia: o lago das Sete Cidades é diferente de todos os que alguma vez vi.

Cráteres de Sete Cidades
Cráteres de Sete CidadesXesús Constela

Supoño que Brandão escribiu isto porque ficou tan sorprendido coma min logo de visitar esta enorme caldeira de vertentes moi inclinadas que, de acordo coa lenda, foi creada por unha erupción volcánica de tal magnitude que fixo desaparecer sete cidades por baixo da lava, de aí lle vén o nome, e na actualidade acolle unha inmensa masa de auga doce dividida en dúas impresionantes lagoas, chamadas Lagoa Azul e Lagoa Verde, que, de novo segundo a lenda, teñen esas cores como froito das bágoas de dous amantes, unha princesa de ollos azuis e un pastor de ollos verdes, obrigados polo pai dela a se separar para sempre.

A xigantesca caldeira de Sete Cidades, un dos símbolo máis representativos de São Miguel, foi creada por un volcán que tivo unha grande actividade hai arredor de douscentos cincuenta mil anos, e as dúas inmensas lagoas, localizadas entre empinados montes que chegan aos oitocentos cincuenta metros de altura, deben o fenómeno das súas cores á diferente composición química das augas que conteñen.

Dende que fixen esta viaxe non podo pensar en São Miguel se non é como unha fermosísima alfaia coloreada dun verde intenso que está presente en cada recuncho, e como un lugar cun atractivo que se manifesta a través das moitas lendas que se agochan detrás de cada lugar e nunha gastronomía única que supuxo unha experiencia inesquecíbel.

Xesús Constela, 2025