Retallos de mundo: República Dominicana, desequilibrios no puro Caribe

Poio
16 de marzo 2025

Un vello dito popular dominicano di que, cando Deus acabou de crear o mundo, decidiu deixar a illa que comparten con Haití tal como é na actualidade, para lles lembrar aos seres humanos o aspecto que tiña ese xardín do Edén do que foran expulsados para sempre

Boca Chica, praia
Boca Chica, praia /

Son incontábeis os recunchos do Caribe que me servirían para ilustrar o que considero a esencia máis pura e máis virxe da rexión, pero escollo a República Dominicana porque foi o lugar onde puiden descubrila por primeira vez, nunha viaxe na que percorrín a súa costa sueste, a través das provincias de La Altagracia, La Romana, San Pedro de Macorís e Santo Domingo, un traxecto que me deu pé para ir pouco a pouco descubrindo que esa esencia caribeña, ese puro Caribe do que tanto me falaran, ía moito máis aló das fermosas paisaxes que me acompañaron no camiño e realmente se encontraba na atmosfera afábel, cálida e acolledora, que coido que só as xentes que viven nesa zona do mundo son quen de crear, malia todos os problemas aos que se teñen que enfrontar no día a día dun país que padece unhas deficiencias estruturais que resultan palpábeis a simple vista.

Un vello dito popular dominicano di que, cando Deus acabou de crear o mundo, decidiu deixar a illa que comparten con Haití tal como é na actualidade, para lles lembrar aos seres humanos o aspecto que tiña ese xardín do Edén do que foran expulsados para sempre. E, precisamente, esa sensación de estar a arribar a algo semellante ao concepto de paraíso que podemos ter na cabeza invadiume por completo dende que o meu avión aterrou nun país que non deixou de me sorprender ao longo das xornadas que pasei en lugares onde a paisaxe é un continuo estoupido de vexetación exuberante, que medra a carón de praias espectaculares, con areas brancas de puro coral e augas cálidas de cor turquesa, que agachan arrecifes poboados por peixes de cores inimaxinábeis. E por mor dese escenario tan acolledor, e grazas a un clima con temperaturas calorosas ao longo de todo o ano, foron recalar alí moitas das grandes cadeas multinacionais do turismo, que acollen case once millóns de turistas anuais, nunhas instalacións nas que traballa arredor do vinte por cento da poboación, e que foron deseñadas para que os hóspedes gocen do sol e da auga en piscinas de dimensións colosais e en paradisíacas praias privadas, beban unha extensa variedade de cócteles, a maioría deles elaborados con ron, a bebida nacional, e coman o que queiran á hora que lles veña en gana, sen sentir en ningún momento a necesidade de abandonar a gaiola de ouro na que se atopan aloxados, de tal xeito que os cartos que invisten nas súas viaxes apenas recalan no país.

A República Dominicana, que, xunto con Haití foi un dos meirandes centros de distribución de escravos africanos para todo o continente, é un país cunha mestura moi diversa de grupos étnicos, maioritariamente de orixes africanas e europeas, e, coma case toda América Latina, non coñece de termos medios, de xeito que a miseria se fai en todo momento tan palpábel como a opulencia e as grandes urbanizacións de luxo, entre elas as instalacións hoteleiras, están construídas xunto a rudimentarias casas de madeira levantadas en vilas que as máis das veces carecen dos principais servizos básicos.

Boca de Yuma. Casas
Boca de Yuma. CasasXesús Constela

O meu primeiro contacto co país tivo lugar na provincia de La Altagracia, cun interior cheo de fermosas pozas e lagoas de augas cristalinas e unha costa con interminábeis praias de areas brancas como as de Bávaro, Punta Cana ou Isla Saona, as tres grandes xoias da coroa do turismo dominicano, que souberon convidarme ao mergullo para ver todo tipo de peixes de cores e arrecifes de coral e a gozar de gustosos descansos dedicados á lectura á sombra de palmeiras que medraban nos propios areais, ademais de me agasallar cuns máxicos e coloridos solpores que serán moi difíciles de esquecer.

Boca de Yuma
Boca de Yuma Xesús Constela

Na provincia de La Altagracia visitei a súa capital, Higüey, unha pequena cidade con animados mercados diarios de froitas e verduras, á que cheguei por unha estrada que atravesaba unha chaira interminábel, salpicada de extensos cultivos de cana de azucre e pequenas aldeas rurais con casoupas de madeira e camiños de terra. Higüey é un dinámico centro comercial que tamén ten unha certa relevancia relixiosa, xa que aloxa a Basílica de Nuestra Señora de la Altagracia, construída en 1971 en honra da patroa da República Dominicana e na actualidade convertida en importante centro de peregrinación de xentes que veñen dende todos os puntos do país.

Higüey
HigüeyXesús Constela

Uns días despois despraceime á provincia de La Romana, onde comecei a miña visita na pequena vila de Bayahibe, con estreitas rúas de terra entre sinxelas casiñas pintadas de moitas cores e rodeadas por unha vizosa vexetación tropical, que me convidaron a un relaxado paseo que me permitiu coñecer o seu máis que animado ambiente local antes de ir visitar unhas praias fascinantes que, xunto ás de Isla Saona, acollen un dos ecosistemas mariños máis ricos do Caribe, poboado por bancos de peixes tropicais de cores vibrantes que nadan entre vistosos arrecifes de coral.

Bayahibe. Costa
Bayahibe. CostaXesús Constela

En Bayahibe embarquei a bordo dunha lanchiña na que un mariñeiro me levou polo curso do río Chavón, cunhas ribeiras moi empinadas, completamente cubertas por un arborado tan exuberante que no ano 1979 foi o escenario escollido por Francis Ford Coppola para a rodaxe de varias escenas da súa películaApocalypse Now pola súa semellanza coas agrestes paisaxes das selvas de Vietnam.

Río Chavón
Río ChavónXesús Constela

Nin que dicir ten que ese tranquilo percorrido en lancha, no que nos cruzamos con varios botes de xente que estaba a pescar, resultou ser unha experiencia magnífica pola beleza dun entorno natural que soubo encherme os ollos con todas as tonalidades posíbeis da cor verde.

Durante o traxecto río arriba fixemos unha parada para acceder a Altos de Chavón, un capricho construído entre os anos 1976 e 1982 por un empresario estadounidense que lle encargou a un arquitecto italiano a construción dunha vila ao estilo mediterráneo europeo do século XVI, que servise para albergar tendas, galerías de arte e restaurantes frecuentados, entre outros, polos residentes de Casa de Campo, unha exclusiva urbanización de luxo con campos de golf e portos deportivos onde posúen mansións grandes magnates estranxeiros que chegan nos seus avións privados ao aeroporto de La Romana.

Río Chavón, frondosidade nas beiras
Río Chavón, frondosidade nas beirasXesús Constela

Altos de Chavón pareceume un símbolo perfecto do tremendo desequilibrio social que padece un país no que a maioría da poboación vive en duras condicións de pobreza, mentres unha pequena elite goza dos luxos que lles permiten as súas grandes fortunas.

A percepción deste contraste non me resultou en absoluto agradábel, así que decidín abandonar o lugar para poñer rumbo á veciña provincia agrícola de San Pedro de Macorís, cunha economía baseada principalmente no cultivo da cana de azucre, con ánimo de intentar mergullarme na verdadeira realidade dunha poboación que me pareceu ser quen de manter en todo momento unha actitude sorprendentemente positiva fronte ás moitas adversidades que vive, e que me levou lle dar moitas voltas na cabeza a ese concepto do espírito caribeño do que tantas veces oíra falar, unha noción que se me antolla demasiado abstracta como para podela explicar e que parece estar influída por toda unha serie de estereotipos románticos que simplemente serven para ocultar as tremendas desigualdades que se viven na rexión.

Boca Chica, postos de comida na praia
Boca Chica, postos de comida na praiaXesús Constela

Xa na praia de Boca Chica, a uns trinta quilómetros de Santo Domingo, a capital do país, na provincia do meso nome, puiden por fin entrar en contacto con algo semellante ao que podo describir como puro Caribe, porque se trata dun lugar moi animado, no que en calquera recuncho, ao son de merengues e bachatas, se pode degustar a comida elaborada ao longo de todo o día en pequenos quioscos de madeira nos que se asan carnes, mariscos e peixes a prezos populares, para logo mercar froita fresca ou zumes deliciosos a algún dos moitos vendedores que arrastran os seus carriños pola area, en medio dun ambiente tan relaxado que me deu a sensación de reflectir o auténtico espírito animoso do país.

Despedinme da República Dominicana logo de facer un percorrido pola zona colonial de Santo Domingo, a capital, que me permitiu visitar a súa espectacular catedral do século XVI, o Alcázar de Colón, que foi a residencia de Diego Colón, fillo de Cristovo, o enorme convento dos Dominicos, que albergou a primeira universidade de América, a Santo Tomás de Aquino, inaugurada en 1538, e a dar un agradábel paseo entre os fermosos edificios históricos da rúa de Las Damas.

Santo Domingo, Alcázar de Colón
Santo Domingo, Alcázar de ColónXesús Constela

De volta na casa, ao rememorar as xornadas pasadas na República Dominicana, pensei moitas veces que esa inxusta e inmerecida situación de precariedade económica e de desequilibrio social que afecta a unha gran parte do país debería chegar ao seu fin para que os dominicanos, cuxa amabilidade resulta máis que evidente para quen os coñece, puidesen deixar de procurar noutros países o benestar que se lles nega no seu, para permanecer na súa terra e gozar das numerosas bondades e atractivos do lugar no que habitan.

Xesús Constela, 2025