Retallos de mundo: Isabela, a maior das illas Galápagos

Poio
02 de febreiro 2025
Actualizado: 12:52

As Galápagos foron descubertas de xeito accidental no ano 1535 por Frei Tomás de Berlanga, bispo de Panamá, cando navegaba en dirección a Perú e as correntes mariñas desviaron o seu navío cara ás costas dun arquipélago deshabitado e aínda sen nome que o deixou completamente abraiado

Los Túneles
Los Túneles /

O arquipélago das Galápagos, no Océano Pacífico, a preto de mil quilómetros da costa de Ecuador, país ao que pertence, componse de trece illas grandes, nove medianas, diversos illotes de diferentes tamaños e unha longa serie de promontorios rochosos espallados polo mar, e todas estas masas de terra, independentemente das súas dimensións, acollen unha biodiversidade de tal relevancia que provocou que en 1959 fosen declaradas Parque Nacional, en 1978 Patrimonio da Humanidade e en 1985 Reserva da Biosfera.

E con todas estas distincións a me roldar a cabeza, arribei unha mañá un tanto nubrada dun mes de agosto ao peirao que hai no sur de Isabela, a illa máis grande do arquipélago, dun tamaño similar ao de Taiwán, pero habitada por pouco máis de dúas mil persoas que se congregan na súa zona sur en torno a Puerto Villamil, a capital, de tal xeito que a inmensa maioría da superficie fica para uso exclusivo dos animais que viven nela e só se pode visitar na compaña dun guía do Parque Nacional, agás unha mínima área á que se permite o acceso sen acompañamento, previo rexistro na garita dun vixiante, e abonda con dar un pequeno paseo polos arredores de Puerto Villamil, que se estende entre unha lagoa habitada por flamengos e ducias de aves limícolas e unha longuísima praia de areas brancas onde os pelicanos, as gaivotas e as fragatas teñen o seu paraíso, para comprender o porqué destas estritas medidas de protección destinadas a preservar un tesouro que de ningunha maneira debería poñerse en perigo.

As Galápagos foron descubertas de xeito accidental no ano 1535 por Frei Tomás de Berlanga, bispo de Panamá, cando navegaba en dirección a Perú e as correntes mariñas desviaron o seu navío cara ás costas dun arquipélago deshabitado e aínda sen nome que o deixou completamente abraiado, tal como fixo constar no seu diario, porque estaba poboado por criaturas tan estrañas como unhas tartarugas xigantes que nunca se viran con anterioridade.

Os primeiros habitantes das illas foron piratas e bucaneiros ingleses e neerlandeses que se abastecían coa carne que proporcionaban esas tartarugas xigantes que abundaban no lugar e coas que estableceron un negocio tan frutífero cos navíos que pasaban pola zona, que chegaron a provocar a definitiva desaparición de varias razas, porque se calcula que entre os séculos XVII e XIX se deu caza a entre cen e douscentos mil exemplares dunha especie agora protexida por estar en vías de extinción.

É tal a relevancia das Galápagos dende o punto de vista natural que Charles Darwin, que as visitou no ano 1853, tomou a diversidade da súa fauna e a súa flora, que presentan trazos que varían de xeito notábel dunha illa a outra, como un exemplo perfecto para sustentar a súa teoría da evolución das especies.

Abonda con poñer un pé en Isabela para ser consciente de que se está a entrar nun espazo singular no que as iguanas, os lobos mariños, as tartarugas, e toda unha inmensa variedade de aves de moitos tamaños, dende pingüíns e fragatas até pequenos paxaros, conviven nun perfecto equilibrio no que os seres humanos apenas somos unha parte do decorado nunha terra que lles pertence, e por iso estes animais nunca parecen sentir receos perante a nosa presenza.

Praia en Puerto Villamil
Praia en Puerto VillamilXesús Constela

Logo duns relaxantes paseos polas inmediacións da pequena e tranquila vila de Puerto Villamil, que, coas súas rúas sen asfaltar, apenas transitadas de vez en cando por dous ou tres coches, algunha que outra moto e varias bicicletas, resulta ser un lugar verdadeiramente acolledor, decidín botarme a explorar o resto da illa, e para comezar escollín un lugar coñecido como Los Túneles, cheo de plataformas de lava procedente de volcáns submarinos que colapsaron e caeron ao mar dando orixe a unhas pontes escuras que se erguen sobre a auga e os mangleirais e teñen unha aparencia tan fráxil que parecen estar a piques de se derrubar en calquera momento, aínda que leven alí centos de anos a desafiar a lei da gravidade.

Dende Los Túneles dirixinme en barco a Tintoreras, unha pequena illa de moi escasa vexetación, poboada por iguanas, pingüíns, mascatos, e toda unha longa serie de aves, ademais de moitas criaturas mariñas que nadan tranquilas a través dun labirinto de fisuras abertas nas rochas, entre as que chaman a atención varias ducias de quenllas de puntas brancas que, cando queren descansar, escollen este lugar como refuxio pola agradábel temperatura das súas augas.

Volcán de Sierra Negra, fumarolas
Volcán de Sierra Negra, fumarolasXesús Constela

Pero Isabela aínda me tiña reservadas moitas sorpresas, como o volcán de Sierra Negra, un dos máis activos do planeta, que ao longo dos seus case setecentos mil anos de antigüidade foi formando unha impresionante caldeira de dez quilómetros de diámetro, a segunda máis grande do mundo, que, entre outras paisaxes, acolle no seu interior un campo de fumarolas que provocaron a aparición dunhas importantes cantidades de xofre orixinadas pola condensación dos gases emitidos a través de fendas abertas no chan.

Malia a sufocante camiñada que supuxo chegar a este lugar, aseguro que a visita pagou a pena pola satisfacción de poder avanzar entre paisaxes de cores variadas, que van dende negros que non poden ser máis escuros até amarelos brillantes, pasando por toda unha gama de grises que ás veces incluso presentan tons azulados, un escenario semellante a eses espazos que tantas veces temos visto en documentais acerca doutros planetas.

Outro día decidín alugar unha bicicleta para me achegar a un lugar bastante sinistro coñecido como Muro de las Lágrimas, un xigantesco valado de pedra de sete metros de altura por cen de lonxitude e tres de anchura, levantado en medio dun inmenso territorio desolado e cheo de matogueiras entre os anos 1946 e 1959 polos presos dunha colonia penal que acollía reclusos traídos do continente para facelos malvivir illados do mundo por completo.

Muro de las Lágrimas
Muro de las LágrimasXesús Constela

Durante a súa construción os prisioneiros, ademais de teren que carrexar e amorear milleiros de pedras sen usar ningún tipo de ferramenta e baixo os rigores dunha calor abafante, sufriron a indescritíbel tortura psicolóxica de saber que estaban a levantar algo que non tiña ningunha outra utilidade que non fose obrigalos a traballar arreo. Calcúlase que durante o tempo que levou levantar esta absurda parede perderon a vida arredor de tres mil persoas cuxos berros desesperados, segundo conta unha lenda local, aínda se poden escoitar cando se visita o lugar pola noite, algo que nin remotamente me pasou pola cabeza facer.

Grazas a este percorrido en bicicleta até o Muro de las Lágrimas, puiden coñecer lugares tan fascinantes como a diminuta praia de Estero, que me convidou a un delicioso baño entre mangleiros baixo a atenta mirada dun lobo mariño que descansaba deitado na area, e tamén o outeiro coñecido como Cerro Orchilla, cunhas espectaculares vistas de catro dos seis volcáns da illa de Isabela, e varias lagoas de cores diversas, dende unha verde até outra rosa, ou outra vermella, por mor das algas e os minerais que conteñen as súas augas, así como o Túnel del Estero, un longo tubo volcánico cheo de auga salgada que se abre a unha fermosa praia que se chama Playa del Amor.

Pero realmente, ademais destas singulares paisaxes da illa de Isabela, o que máis me fascinou mentres facía todas estas rutas foi a continua presenza ao longo do camiño de animais aos que non parecía importarlles que eu puidese estar alí, polo que non facían aceno ningún de querer apartarse cando me vían aparecer, o que me levou a pensar que, ao estaren protexidos, sentíanse seguros e a salvo e non me vían como un inimigo, cousa que me resultou tremendamente grata, porque é difícil describir o que se sente cando se está á beira dunha tartaruga xigante a se desprazar cunha lentitude incríbel debida ao enorme peso da cuncha que ten que arrastrar alá onde queira que vaia, ou a experiencia de ter que camiñar moi amodo para ver de non pisar ningunha iguana mariña das moitas que escolleron para tomar o sol a zona exacta pola que eu quería pasar, ou a estraña sensación de estar deitado a ler un libro na area dunha praia a moi escasos metros dunha familia de lobos mariños que, igual ca min, só se achegaran ao lugar porque querían descansar.

Tartaruga xigante a dar un paseoXesús Constela

Pero o que nunca vou poder borrar da memoria foi a experiencia de nadar en Concha Perla, unha pequena baía de augas cristalinas escollida como fogar por varias tartarugas mariñas e diversas especies de peixes, porque bañarme alí me permitiu interactuar cunha parella de crías de lobo mariño que o único que querían era xogar.

Cría de lobo mariño a camiñar por unha praiaXesús Constela

Esta experiencia fascinante sírveme como exemplo perfecto para describir a miña estancia na illa de Isabela, da que só espero que sexa quen de manter, ou incluso mellorar, o equilibrio medioambiental no que vive, polo seu ben e tamén polo noso, como habitantes dun mundo cada vez máis deteriorado por obra dos seres humanos.

© Xesús Constela, 2025