Retallos de mundo: Ramblas de Barcelona

Poio
19 de marzo 2023

Cada vez que viaxo a Barcelona sinto o desexo de achegarme ás Ramblas, malia que moitas veces non o fago por non borrar a fermosa e quizais un tanto idílica visión do lugar que atesouro na mente...

Vista da Rambla dende o mirador da estatua de Colón
Vista da Rambla dende o mirador da estatua de Colón / Xesús Constela

Cada vez que viaxo a Barcelona sinto o desexo de achegarme ás Ramblas, malia que moitas veces non o fago por non borrar a fermosa e quizais un tanto idílica visión do lugar que atesouro na mente, xa que na actualidade, convertidas nunha sorte de parque temático para auténticas hordas de turistas, apenas se parecen en nada ao que eran cando eu vivía na cidade, alá pola segunda metade dos anos oitenta, e as Ramblas eran un espazo para o lecer dos barceloneses, que se achegaban a elas para sentar a tomar algo nunha das moitas terrazas do bulevar central ou simplemente para camiñar entre quioscos que vendían plantas e animais en medio dunha variada multitude de persoas de diferentes orixes, profesións e escalas sociais, dende os máis ricos, que non adoitaban baixar máis aló do Liceu, até as mulleres prostituídas que se ofrecían a posíbeis clientes nas zonas máis próximas ao porto, ou os camellos que dicían vender de todo nas rúas de acceso á Plaça Reial, pasando por magos, cantantes, bailaríns e faquires que desenvolvían os seus números antes de pasar a gorra para que o público lles botase unhas moedas. Había turistas, si, moitos, sempre os houbo, pero aquilo non era a loucura que é a día de hoxe. Todos os lugares poden morrer de éxito, mírese o caso de Venecia, claro exemplo de xentrificación, e as Ramblas de Barcelona necesitan que se tomen medidas para llelas devolver aos habitantes da cidade, os seus auténticos propietarios.

Pero moitas veces non son quen de resistir a tentación de dar un paseo por este bulevar grandioso e único no mundo, polo que opto por deixar de lado esta visión negativa que veño de expoñer para volver gozar unha vez máis do verdadeiro pracer de camiñar ao longo do seu case quilómetro e medio de lonxitude, e sempre que o fago penso que avanzo a través dunha auténtica lección de historia.

As Ramblas, columna vertebral da Barcelona máis antiga, tiveron a súa orixe nun torrente polo que baixaban ao mar as augas que procedían da serra de Collserola, e o seu nome procede da palabra árabe ramla, que significa "area", porque en moitas ocasións ese torrente quedaba seco e se convertía nun areal polo que se podía baixar á beiramar.

No século XIII os construtores da muralla medieval de Barcelona, ás ordes do rei Jaume I, aproveitaron para o seu trazado a defensa natural que significaba a existencia do torrente, e ao longo do XVI a beira oposta do mesmo foi enchéndose de mosteiros e conventos edificados por ordes relixiosas que procuraban grandes espazos abertos para construír fóra das ateigadas rúas da cidade e habían de ir desaparecendo despois do ano 1836 a raíz da Desamortización de Mendizábal. Por fin a finais do XIX, cando tivo lugar o derrubamento da antiga muralla medieval, o lugar acabou por se converter en algo semellante á avenida que coñecemos a día de hoxe.

Non sabería escoller o meu lugar favorito das Ramblas, polo que propoño un paseo dende o lugar onde comezan, na Praza de Cataluña, para ir enumerando lugares que chaman a miña atención. Comezarei pola Fonte de Canaletes, un dos símbolos da cidade de Barcelona, que dá nome a este primeiro tramo e está no mesmo lugar dende o ano 1889, cando foi construída sobre un antigo alxibe de onde partían diversas canalizacións (canaletes) que distribuían a auga a diferentes fontes da zona. Como o saber popular di que "quen bebe de Canaletes regresa á cidade" sempre que paso por diante procuro botar un groliño por se acaso.

Uns metros máis abaixo, catro fermosos farois inspirados nun deseño de Antoni Gaudí para a Praza Real, anuncian que comeza a Rambla dels Estudis, que se chama así porque nesa altura do paseo, a mediados do século XV, se estableceu o Estudi General, un centro educativo de carácter universitario que foi derrubado no ano 1843 e ocupaba, máis ou menos, o solar onde a día de hoxe está a sede da Real Academia de Ciencias e Artes de Barcelona, nun edificio do ano 1894 que me parece moi fermoso e ten na planta baixa o Teatro Poliorama

Xusto no lugar onde remata a Rambla dels Estudis, á altura do Carrer del Carme, está outro dos meus lugares favoritos da zona, a igrexa de Betlém, o único espazo que se conserva dun antigo mosteiro de Xesuítas do século XVI. A súa fachada barroca é realmente fermosa e sempre chamaron a miña atención dúas das imaxes que amosa: unha escena do portal de Belén enriba da porta e unha estatua de San Francisco de Borja cunha caveira enriba do libro que ten no brazo esquerdo. Desgraciadamente non se conserva nada do antigo interior deste templo tras ser incendiado e bombardeado no decurso da Guerra Civil.

Outro lugar que sempre me gustou a esta altura da Rambla é a fonte que está nunha parede á entrada da rúa de Portaferrisa, que foi construída no ano 1604 no muro dunha das portas da antiga muralla de Barcelona e ten uns fermosos azulexos de cores que ilustran como era o lugar na antigüidade.

Moi preto deste fonte está o Palau de la Virreina, un suntuoso edificio neoclásico chamado así en honra da esposa de Manuel Amat, vicerrei do Perú e artífice da súa construción. No seu interior, nun costado do patio central, viven os meus personaxes favoritos das Ramblas, os xigantes que representan ao rei Jaume I e a súa esposa, a raíña Violant d’Hongria, que só abandonan o seu acubillo polas festas da Mercé para levar a cabo o seu baile cerimonial en medio dunha vibrante tropa de cabezudos, e tamén debo mencionar a admiración que esperta en min a Casa Beethoven, unha fermosa tenda de partituras e libretos musicais que está aberta ao público dende o ano 1880 xusto nun costado do Palau.

Outros catro farois modernistas anuncian o comezo da Rambla de Sant Josep, máis coñecida como Rambla de les Flors polos vistosos quioscos de florerías que ocupan as dúas beiras do bulevar central. Hai moitos anos vendíanse tamén animais exóticos, lembro un pobre tucano nunha gaiola e caixas cheas de tartarugas, pero afortunadamente este tipo de negocio ficou prohibido.

Este tramo do paseo, que ten como punto central o Pla de la Boqueria, é quizais o máis famoso, porque acolle lugares tan emblemáticos coma o Mercat de Sant Josep, que luce no seu acceso principal un fermoso arco modernista, o Gran Teatre del Liceu, un dos máis prestixiosos teatros da ópera do mundo, inaugurado no ano 1848 sobre o antigo solar dun convento de monxes trinitarios e incendiado en dúas ocasións, a última en 1999, a abraiante e vistosa Casa Bruno Quadras, coñecida tamén como Casa dos Paraugas, que ten nunha esquina un enorme dragón chinés de ferro fundido que porta un farol nas súas mans, ou un famosísimo mosaico de Joan Miró que dende o ano 1976 ocupa o chan do bulevar central e por expresa vontade do artista carece de protección para que sexa pisado polos transeúntes.

Aínda que cómpre dicir que este tramo da Rambla tamén se fixo desgraciadamente famoso por un atentado perpetrado no ano 2017 por uns individuos que, a bordo dunha furgoneta a gran velocidade, deixaron un macabro regueiro de feridos e mortos aos que na actualidade homenaxea unhaplaca de doce metros de lonxitude incrustada no chan na que se pode ler a frase "Que a paz te cubra, oh cidade de paz" escrita en varios idiomas.

Debo dicir que unha das actividades que máis me gusta facer cando chego a este punto da Rambla é parar a tomar algo no Café de l’Ópera, que leva case douscentos anos aberto ao público e dende o século XIX está decorado cunha fermosa colección de espellos de inspiración vienesa.

Na Rambla dels Caputxins, que aló polos oitenta era un dos puntos máis conflitivos de Barcelona, o meu lugar favorito, sen lugar a dúbida, é a Plaça Reial, concibida durante o reinado de Isabel II coma un centro de ocio para a burguesía no lugar onde estaba un antigo convento de frades capuchinos. Pasou por épocas moi duras de tráfico de drogas e delincuencia e nos seus soportais aínda seguen abertos algúns dos locais históricos da noite barcelonesa. Os farois modernistas que se erguen no centro da praza, obra de Antoni Gaudí, serviron de inspiración para os que hai en varios lugares emblemáticos da cidade, as Ramblas entre eles.

Chegado o punto final da Rambla dels Caputxins, e antes de entrar na de Santa Mónica, están as tristes ruínas do Teatre Principal, o máis antigo da cidade, que en fronte da estatua de Serafí Pitarra, o gran impulsor do teatro catalán, agardan por unha necesaria restauración que lles devolva o grandioso esplendor do pasado.

Quizais antes de abandonar as Ramblas estea ben subir ao miradoiro da estatua de Colón, que se ergue sobre o Portal de la Pau, porque resulta moi agradábel ver dende esas alturas o fervedoiro de actividade que se desenvolve de xeito constante nun dos paseos máis famosos do mundo e me fai evocar as palabras que utilizou Federico García Lorca para describilo: "La calle donde viven juntas a la vez las cuatro estaciones del año, la única calle de la tierra que yo desearía que no acabara nunca, rica en sonidos, abundante de brisas, hermosa de encuentros y antigua de sangre."

© Xesús Constela, 2023