Retallos de mundo: Menorca de mar e de pedra

Poio
12 de xuño 2022

Cunha paisaxe na que parece reinar a calma ao non verse sometida á urbanización descontrolada doutros territorios veciños porque, por sorte, os seus diferentes gobernos insulares acordaron que o crecemento do sector turístico non se traducise na construción desmedida de grandes hoteis en primeira liña de costa, a máis oriental das illas do arquipélago das Baleares, Menorca, ocupa un lugar privilexiado no Mediterráneo occidental

Porto de Es Castell
Porto de Es Castell / Xesús Constela

Cunha paisaxe na que parece reinar a calma ao non verse sometida á urbanización descontrolada doutros territorios veciños porque, por sorte, os seus diferentes gobernos insulares acordaron que o crecemento do sector turístico non se traducise na construción desmedida de grandes hoteis en primeira liña de costa, a máis oriental das illas do arquipélago das Baleares, Menorca, ocupa un lugar privilexiado no Mediterráneo occidental, a practicamente a mesma distancia de África e das penínsulas Ibérica e Itálica, motivo que quizais a levou a estar habitada dende a Idade de Bronce por diferentes pobos que se encargaron de deixar a súa pegada na sorprendente riqueza do seu patrimonio arquitectónico e arqueolóxico, e nunha historia que resulta apaixonante e comeza alá polo século III a.C., coa chegada duns primeiros poboadores dos que pouco se sabe ademais de que construíron impoñentes monumentos megalíticos espallados por toda a xeografía da illa.

Sábese que era visitada con certa frecuencia por fenicios, gregos e cartaxineses, que foi conquistada polos romanos, que despois estivo integrada no Imperio Bizantino logo de estar ocupada polos vándalos, que pasados uns séculos de escuridade cheos de ataques de árabes e normandos foi incorporada ao Califato de Córdoba para deseguido pasar a mans da Coroa de Aragón, e que acabou como colonia do Imperio Británico ao longo de case todo o século XVIII. Esta rica amálgama de poboadores tan diversos é a responsábel da personalidade da illa que se pode admirar a día de hoxe.

Non sabería escoller o principal dos motivos polos que me gusta Menorca, aínda que me inclino por pensar que quizais sexa a fermosura dun escenario abertamente rural que non está nin remotamente tan castigado como poden estar outras zonas das baleares. O interior, ademais de ter acolledoras e fermosas vilas coma Alaior, ou Es Mercadal, que ben merecen unha sosegada visita, é un extenso territorio verde cheo de leiras de diferentes tamaños separadas por interminábeis valados de pedra seca e casas labregas encaladas construídas con bloques de marés, unha pedra utilizada dende a cultura megalítica. Nada estraga a paisaxe, e mesmo as singulares cancelas de madeira de oliveira que permiten o acceso ás fincas gardan unha asombrosa uniformidade.

Esta rocha de marés foi a que utilizaron, alá polo século III a.C., os primeiros habitantes de Menorca para levantar unhas singulares construcións que parecen torres de vixilancia chamadas talaiots e deron nome á cultura talaiótica, a etapa balear que abrangue as Idades de Bronce e de Ferro. Moitas zonas interiores de Menorca acollen poboados datados neses tempos e os máis espectaculares, dende o meu punto de vista, están en Torre d’en Galmés, Torralba d’en Salort e Talatí de Dalt, que constituíron moi gratas sorpresas no meu percorrido pola illa.

En Torre d’en Galmés, un dos xacementos arqueolóxicos máis grandes, crese que puido chegar a acoller unha poboación fixa de arredor de novecentas persoas, ademais de tres talaiots hai numerosas casas de planta circular, algunha delas aínda co seu tellado de enormes laxes soportadas por rexas columnas, un enxeñoso sistema para a canalización de auga da choiva, diversas covas de enterramento e un gran recinto en forma de ferradura cun monumento central que, ao estar formado por unha pedra horizontal sostida por outra vertical, é semellante a unha mesa, o que lle dá o nome de taula, e é outro dos elementos distintivos destas antigas vilas talaióticas. Non se sabe a ciencia certa a utilidade destes recintos aínda que diversos achados, entre eles unha figuriña de terracota da deidade exipcia Imhotep, fan pensar que poderían ser santuarios.

Nun lugar case idéntico, pero no antigo poboado de Torralba d’en Salort, atopáronse un pequeno touro de bronce e dúas figuriñas de Tanit, unha divindade feminina fenicia propia dos asentamentos dese pobo nos territorios do Mediterráneo occidental.

Pero sen dúbida o máis singular dos monumentos megalíticos de Menorca, o coñecido como Naveta des Tudóns, non está nas ruínas de ningunha cidade, senón completamente só en medio dunha gran leira. Trátase dunha construción con forma de nave invertida usada entre o 1400 e o 900 a.C. para enterramentos colectivos de persoas dunha mesma comunidade e as súas escavacións aportaron unha boa cantidade de información acerca da relación dos pobos talaióticos co fenómeno da morte.

Outro abraiante lugar que se utilizou como necrópole até o século V d.C. foi un conxunto de catorce covas escavadas nas abas rochosas de Cala Morell e decoradas con gran cantidade de elementos arquitectónicos como columnas, algunhas con capiteis, fiestras, diferentes niveis interiores e decoracións de tipo clásico nalgunhas fachadas.

Admirado por toda esta enorme riqueza arqueolóxica, decidín encamiñar os meus pasos cara ás dúas cidades da illa, situadas en lugares opostos, Maó, na costa este, e Ciutadella, no oeste.

A cidade de Maó, localizada sobre un fermoso porto natural protexido por dúas grandes fortalezas, La Mola e o Forte Marlborough, unha a cada beira da bocana, conta cunha estrutura urbana que data dos anos da ocupación inglesa no século XVIII e ten o seu centro nun promontorio cunhas vistas excepcionais sobre o mar. Non sabería dicir que foi o que máis chamou a miña atención, se a igrexa de Santa María, o convento de Sant Francesc, a igrexa do Carme, a mansión neoclásica de Ca n’Oliver ou simplemente o puro deleite de dar un relaxado paseo pola beira do mar para admirar os barcos ancorados no porto e o lazareto onde facían corentena as tripulacións sospeitosas de traer enfermidades contaxiosas a bordo dos seus barcos.

Ciutadella, a capital até a dominación inglesa, unha cidade de planta musulmá con pequenas prazas e fermosos soportais encalados de branco, era o lugar onde vivían os aristócratas da illa que, para amosar o seu poder e as súas riquezas, se empeñaron en levantar suntuosas mansións que souberon combinar influencias italianas e francesas. A Casa Olivar, a Casa do Conde de Torre-Saura, Can Salort, a Casa do Barón de Lluriach ou o Palau Squella érguense con fachenda en diversos puntos do centro da cidade xunto á catedral de Santa María, o convento de Santa Clara, a igrexa de Sant Francesc e toda unha serie de edificios que se encargan de converter o paseo polas rúas de Ciutadella nunha experiencia que realmente paga a pena tanto de día como cando cae a noite.

Deixei as cidades e quixen comezar un percorrido pola afamada costa de Menorca, e por iso dirixín os meus pasos ao chamado Camí de Cavalls, un camiño de cento oitenta e cinco quilómetros que circunvala a illa e foi mandado abrir no século por XIV polo rei Jaume II para que, en aras dunha eficaz defensa, os xinetes puidesen percorrer o litoral sen dificultades. Na actualidade é unha ruta de sendeirismo dividida en vinte etapas que transcorren por lugares tan fermosos como a vila mariñeira de Es Castell, a antiga Georgetown dos tempos da dominación inglesa, ou o parque natural de S’Albufera, na zona máis oriental, a cidade branca de Fornells, o maxestoso Faro de Cavallería, cunhas vistas impresionantes, as praias de Binimel.là e Cala Pregonda, as máis fermosas da illa de acordo cos meus gustos, na costa norte practicamente ausente de vexetación e azoutada de xeito continuo polas rachas da tramontana, o faro do Cabo de Artrutx, ou as calas de Galdana, Macarella e Macarelleta no litoral sur, só por mencionar algúns lugares que me deixaron magníficas impresións.

Rematado o percorrido, achegueime ás impoñentes Pedreres de S’Hostal, aínda en funcionamento, que nunha zona en desuso acollen un espazo lúdico e cultural chamado Líthica, inaugurado no ano 1994 por unha fundación que loita por evitar a desaparición das canteiras de marés. Resultábame o lugar ideal para me despedir da illa vendo como se extraen e procesan as pedras que se usan dende a prehistoria para a construción de edificios, monumentos e valados e tamén para botar un bo anaco de tempo a me divertir no interior dun labirinto que ocupa o fondo dunha das zonas de extracción.

Non fun quen de quitar da miña cabeza a idea de que, de poderen falar, estas pedras de marés saberían contarnos historias procedentes dun pasado moi remoto que nin sequera seriamos quen de imaxinar.

© Xesús Constela, 2022