Non me resulta nada difícil explicar os motivos que, dende que puxen un pé nela para baixar do autobús no que cheguei procedente de Kuala Lumpur, a flamante capital de Malaisia, me levaron a ficar namorado da cidade de Malaca, moitas veces descrita coma un pavo real polo seu vistoso colorido, a súa indiscutíbel fachenda e o seu carácter ruidoso.
Trátase dun dos lugares con maior diversidade cultural de todos cantos teño visitado, porque permite que convivan en perfecta harmonía edificios de variados estilos arquitectónicos que simbolizan dun xeito perfecto o amplo abano de culturas, razas e relixións que se mesturan nun equilibrio que, sen dúbida, é froito dos moitos avatares históricos polos que foi pasando.
Fundada polos malaios arredor do ano 1400 como capital do antigo Sultanato de Malacai nunha beira do estreito de Malaca, o gran corredor marítimo fronte ás costas de Sumatra que une os océanos Índico e Pacífico, foi colonizada polos portugueses en 1511 para despois pasar a mans neerlandesas entre 1641 e 1825 antes de acabar formando parte do Imperio Británico até a independencia do país no ano 1957, e chegou a ser un dos enclaves comerciais máis importantes do mundo ao concentrar todo o transporte de mercadorías entre a China, o Xapón e a India, motivo polo cal se foron asentando no lugar unhas máis que amplas comunidades de indios e chineses que crearon a rica sociedade multicultural que se pode admirar a día de hoxe e abofé que me deixou moi gratamente sorprendido.
Resulta difícil atopar no turbulento mundo no que vivimos exemplos tan aparentemente perfectos de tolerancia como os que vin na cidade de Malaca, que mesmo levaron a que nunha rúa, bautizada co simbólico nome de Tokong Besi ou Rúa da Harmonía, convivan a uns escasos metros de distancia entre si unha mesquita, un templo budista e outro hinduísta sen que iso supoña ningún tipo de problema, nun ambiente de estabilidade que, dende logo, podería espertar a envexa de moitos outros lugares do mundo.
Baixo unha calor sufocante que non impedía que as rúas estivesen ocupadas por unha vibrante multitude de persoas que se movían a pé ou en trishaws, eses triciclos tan abundantes en Asia que dispoñen de dous asentos para os viaxeiros e outro para o condutor, e que no caso de Malaca están decorados con cores rechamantes dun gusto máis que dubidoso e ás veces levan grilandas de luces acesas e música a todo volume, comecei a miña visita polo centro da cidade e alí descubrín unha paisaxe fascinante de casas con muros vermellos case da cor das cereixas levantados polos antigos colonizadores neerlandeses, entre as que había dúas que chamaron a miña atención, unha do ano 1650 coñecida co nome de Stadthuys e convertida no monumento máis emblemático da cidade, e outra levantada en 1753 con ladrillos vermellos traídos dende a afastada provincia de Zelanda, no suroeste dos Países Baixos, e coñecida co nome deChrist Church ou Igrexa de Cristo, un templo moi fermoso que no seu interior case baleiro acolle lápidas funerarias neerlandesas e armenias baixo un teito de madeira cunhas impoñentes trabes de quince metros de lonxitude, cada unha das cales foi tallada a partir dunha única árbore.
O Stadthuys, o edificio colonial máis antigo dos construídos en Oriente polos neerlandeses, que na actualidade acolle un interesante museo de historia e etnografía e foi durante moitos anos a sede do Concello da cidade e a residencia do gobernador, construíuse intentando imitar o antigo consistorio da cidade holandesa de Hoorn, a uns trinta quilómetros de Ámsterdam, e por ese motivo se converteu nun memorial dos tempos en que a provincia de Malaca era propiedade da empresa que rexía os dominios coloniais dos Países Baixos, a Compañía Neerlandesa das Indias Orientais, considerada a primeira multinacional que se fundou no mundo.
Subín despois polo outeiro de Bukit Melaka, que domina o centro da cidade, e no seu cumio puiden visitar as ruínas da igrexa de San Paulo, un templo construído polos portugueses alá polo ano 1521 que caeu en desuso cando os neerlandeses construíron a igrexa de Cristo, e esmoreceu de xeito definitivo no momento en que os británicos decidiron transformalo en polvoreira e onde se pode ver a tumba na que foi enterrado San Francisco Xabier tras da súa morte na China e antes de ser trasladado definitivamente a Goa, na India.
Mais onde puiden realmente esculcar a verdadeira variedade cultural da cidade non foi nestes edificios levantados polos colonizadores, senón nos barrios que se estenden na outra beira do río Malaca, que é quen lle deu o nome, e alí, en pleno corazón de Chinatown, puiden saber da historia dos Baba-Nyonya, os adiñeirados comerciantes coñecidos como "chineses dos estreitos" que se instalaron na cidade case dende o momento da súa fundación no século XV, atraídos polas grandes oportunidades comerciais que ofrecían unhas rutas marítimas tan famosas naqueles tempos nos que o porto de Malaca serviu de punto de escala nas longas travesías mariñas de Zheng He, o gran explorador chinés da dinastía Ming que percorreu todo o sueste asiático e mesmo chegou ao Golfo Pérsico e a Mozambique.
Este fermoso barrio de Malaca convidoume a dar un vagaroso paseo que me permitiu admirar o ambiente que me rodeaba e por iso puiden gozar das fascinantes tendas de anticuarios instaladas na súa rúa principal, Jin Hang Jebat, antes coñecida como Jonker Street, que pola noite se transforma nun animadísimo mercado, e tamén das abraiantes casas tradicionais deJin Tun Tan Cheng Lock, antes Herren Street, especialmente dunha construída no século XIX, que me resultou fermosa como poucas vivendas das que teño visitado e na actualidade acolle o Museo do Patrimonio Baba-Nyonya, que a través de impresionantes vaixelas de porcelana e rexos mobles de ébano con incrustacións de nácara, me permitiu mergullarme nunha época na que nas casas había un cuarto destinado a cada das rutinas do día a día e as mulleres só podían observar as visitas a través de celosías que non permitían que fosen vistas.
Os actuais propietarios do edificio, descendentes dos seus fundadores e sempre dispostos a ensinalo por dentro cunha amabilidade sen par, seguen a utilizalo para se xuntar en diversas celebracións ao longo do ano, entre elas a que honra e ofrece comidas e bebidas aos espíritos dos devanceiros mortos, ou os casamentos, que poden chegar a alongarse vinte e un días, ou os funerais, que tamén poden durar moitas xornadas, sempre en número impar, e obrigan a que a familia se vista de azul, que para eles é a cor do loito.
Pero aínda me quedaba algo capaz de me deixar máis sorprendido, e foi a miña visita á Rúa da Harmonía, onde xa dixen que se erguen tres templos de diferentes relixións que serven para exemplificar de xeito magnífico a boa convivencia que caracteriza a vida na cidade.
A mesquita de Masjid Kampung Hulu, construída no ano 1728 en estilo xavanés, é a máis antiga de Malaisia aínda en activo, e está a escasos metros de distancia do Templo de Sri Poyatha, que data de 1781 e está consagrado ao deus Vinayagar, tamén coñecido como Ganesha, señor de todos os seres, primoxénito de Shiva e a súa esposa Parvati, e un dos máis adorados do hinduísmo.
E moi preto de ambos os dous visitei o templo budista de Cheng Hoon Teng, ou das Nubes Azuis, o máis antigo do país, construído en madeiras nobres finamente talladas no ano 1673 para honrar a Kuan Yin, a deusa da misericordia, e no seu interior fun testemuña dunha inesquecíbel escena que tivo lugar ao pé do altar principal. Nunha sorte de cerimonia que se me antollou de adiviñación, unha muller botou no chan uns pequenos paus de madeira e outra que estaba con ela empezou a facer o que a min me pareceu unha especie de lectura das posicións nas que quedaran para, aparentemente, ir descifrando o que dicían. Despois rezaron xuntas un anaco antes de acender varias varas de incenso e, deseguido, a que a min me parecía a adiviña esnaquizou contra o chan de mármore un pequeno obxecto de cerámica que non puiden identificar e ambas as dúas se puxeron de novo a rezar en completo silencio. Foi un momento que me pareceu tan singular que saín do templo con moita mágoa de non saber falar chinés porque quizais tamén que gustaría que aquela señora lese o meu futuro. Quen sabe cantas cousas podería dicirme.
Dediquei o resto do día a pasear pola beira do río Malaca vendo pasar embarcacións mentres procuraba un bo sitio onde poder sentar a degustar a gastronomía local, famosa en toda Malaisia por ser unha deliciosa mestura de sabores que, non podía ser doutro xeito, se foi enriquecendo co paso do tempo con ingredientes e técnicas culinarias chegadas da China, a India, Indonesia, Portugal, os Países Baixos e, como non, coas aportacións da propia cultura malaia.
Chegada xa a noite, a través de rúas moi animadas, entre xente que saíra a pasear unha vez que baixara a temperatura e trishaws cheos de luces e con música a todo volume, avancei cara a estación para coller o autobús que me levaría de volta a Kuala Lumpur cun fascinante sabor de boca, tanto no seu sentido literal como no metafórico, e coa plena convicción de que a mestura de culturas non fai outra cousa que mellorar o mundo.
© Xesús Constela, 2024