Retallos de mundo: Kairouan, a cidade máis sagrada do Magreb

Poio
26 de maio 2024

A partir dun campamento militar foi nacendo a cidade de Kairouan, un dos puntos que serviron de base para toda a colonización do que se coñece como Magreb, que en época romana era África menor e cambiou de nome cando caeu en poder dos Omeias, que decidiron bautizar toda a zona conquistada como Mahrib

Zaouia de Sidi Amor Abbada
Zaouia de Sidi Amor Abbada / Xesús Constela

Corría o ano 671 da nosa era cando Uqba Ibn Nafi, un xeneral do califato dos Omeias, con capital en Damasco, no que hoxe é Siria, que andaba a comandar un dos exércitos encargados da colonización do norte de África, e máis tarde tamén da Península Ibérica, decidiu instalar un dos seus campamentos militares nunha enorme estepa nas proximidades do deserto do Sáhara, no que é a actual Tunisia, a medio camiño entre a costa do Mediterráneo, en poder dos seus inimigos do Imperio Bizantino, e as montañas do Atlas, daquela ocupadas polas tropas dos bérberes, que tamén lles era hostís.

E a partir dese campamento militar foi nacendo a cidade de Kairouan, un dos puntos que serviron de base para toda a colonización do que se coñece como Magreb, que en época romana era África menor e cambiou de nome cando caeu en poder dos Omeias, que decidiron bautizar toda a zona conquistada como Mahrib, que en árabe significa "lugar do solpor", ou sexa do oeste, para diferenciala da parte máis oriental do seu vasto califato, coñecida como Iemen, que, tamén en árabe, quere dicir "dereita."

Da enormidade das terras conquistadas, que se estendían ao longo de toda a beira sur do Mediterráneo, dá idea o feito de que hoxe en día o territorio estea ocupado por nacións do tamaño de Marrocos, Alxeria, Libia e Mauritania ademais de Tunisia, que malia ser a irmá pequena de todas elas, é quizais a máis relevante dende un punto de vista relixioso, entre outros motivos porque a vila de Kairouan, a arredor de cento sesenta quilómetros ao sur de Tunes, a capital do país, acabou converténdose ao longo dos séculos na cuarta cidade máis importante do mundo islámico despois da Meca e Medina, ambas as dúas en Arabia Saudita, e Xerusalén, en Oriente Medio, até o punto de que, polo visto, viaxar sete veces a Kairouan equivale a facer a peregrinación á Meca que todo musulmán está obrigado a realizar polo menos unha vez ao longo da súa vida.

Eu xa levo dúas viaxes a esa cidade, polo que me faltarían cinco para cumprir co precepto musulmán, e recoñezo que me parece tremendamente atractiva, non só pola enorme monumentalidade das súas máis importantes mesquitas, non era para menos nun lugar tan sagrado, senón tamén pola marabillosas experiencias coas que me agasallaron os seus habitantes, e debo dicir que durante a miña segunda visita, malia os case vinte anos transcorridos dende a primeira, tiven en todo momento a grata sensación de que Kairouan apenas experimentara cambios e conservaba totalmente vivas as súas esencias, polo que volvín vivir o inmenso pracer de camiñar á noitiña polas súas intricadas rúas de casas encaladas en branco con fiestras e contras de madeira azul que converten a súa medina, rodeada por unha muralla de ladrillo de dous quilómetros e medio de diámetro, nunha das máis fermosas que tiven ocasión de visitar, xa que, unha vez que marchan da cidade os autobuses cargados de grupos de turistas, os seus habitantes empezan a aparecer polas rúas cunha dobre sensación de alivio, por unha banda porque as calores do día, Kairouan está moi preto do deserto do Sáhara, permiten que saian da casa para tomar o fresco e por outra porque, desaparecidos por fin os centos de visitantes que recibe cada día, a cidade parece que volve ser deles e de ninguén máis, e sempre se amosan abertos a se interesar por calquera estranxeiro que, coma min, deambula sen présa ningunha á procura dun sitio onde cear ou simplemente tomar algo. Poucos lugares hai no mundo nos que unha persoa estea disposta a acompañar a un forasteiro até as portas mesmas dun local sen lle pedir nada cambio, simplemente un intercambio de nomes a xeito de presentación, un choque de mans e varios sorrisos de aberta amabilidade.

Os habitantes de Kairouan cos que puiden falar, que nalgunha ocasión mesmo me convidaron a compartir con eles un té de menta nalgunha mesa dun café, amosáronme de primeira man o que significa a tradicional amabilidade das xentes que habitan as inmediacións do deserto do Sáhara.

Se atendemos á parte espiritual de Kairouan, é importante comezar dicindo que foi o propio xeneral omeia que mandou instalar o campamento que deu orixe á cidade quen se encargou de escoller o lugar onde había de ser construída a mesquita que despois levaría o seu nome, Uqba, aínda que todo o mundo a coñece coma a Gran Mesquita de Kairouan que ten a honra de ser a primeira que se levantou no Magreb e de servir de modelo para todas as que se edificaron con posterioridade.

Trátase dun monumental edificio do século VII con aspecto exterior de fortaleza polos altos muros de defensa construídos no XI, cando a cidade xa estaba baixo o poder dos Aghlabidos, a primeira dinastía árabe instalada en chan tunisiano, logo de que os bérberes, remisos a apertar a nova fe que trouxeran consigo os omeias, intentasen destruíla en varias ocasións, e que no meu caso particular, unha vez que crucei a súa monumental porta labrada en madeira de cedro para acceder ao interior, a primeira vez que visitei a cidade non se me permitiu por non ser musulmán, fixo que quedase abraiado polas incríbeis dimensións do seu patio, elegantemente rodeado por un soportal de máis de catrocentas columnas de mármore branco, pórfiro vermello e granito azul, moitas delas procedentes das ruínas das antigas cidades romanas de Cartago e Sfetula, a moitos quilómetros de distancia.

Outra mesquita fermosísima das moitas que ten a cidade, os seus habitantes non se poñen de acordo acerca do número exacto e mentres algúns dixéronme que son arredor de cincuenta outros chegaron a me falar de máis de trescentas, é a que se construíu fóra das murallas da medina entre os séculos XIII e XIV, un edificio con fermosos azulexos nas paredes da súa sala de oración, que tiven ver dende a porta porque non se me permitiu a entrada, e que se coñece co curioso nome de Mesquita do Barbeiro porque no seu interior acolle a zaouia ou tumba de Abu Zamaa el-Balaoui, alcumado Sidi Sahib, que disque era moi amigo de Mahoma e profesaba tal admiración polo profeta que, curiosamente, sempre levaba consigo tres cabelos da súa barba.

Nesta mesquita puiden ver os preparativos dunha das moitas cerimonias de circuncisión das que se levan a cabo no lugar cada venres a primeira hora da mañá. Nun recanto do patio principal había un grupiño de persoas integrado polo meniño de sete ou oito anos que ía ser circuncidado, aviado cunha xilaba branca, na compaña de seus pais e mais do home que ía facerlle a circuncisión, que, polo que me contaron, era un enfermeiro, a diferenza da antigüidade, cando o que se ocupaba da tarefa era un barbeiro, e a non moita distancia había outro grupo formado por moitos nenos, supoño que amigos e parentes do protagonista, quizais incluso os seus irmáns, acompañados do resto dos convidados.

Non puiden ver a cerimonia porque, ao non ser musulmán, tiven que abandonar a mesquita, pero dende a porta de entrada fun testemuña dos zaghareet, os berros rituais que facían as mulleres mentres, segundo me contou un home que estaba a coidar de que ninguén entrase no lugar, un dos presentes rompía un cántaro de xeso cheo de doces e lambetadas que se esparexían polo chan facendo que todos os nenos convidados se botasen enlouquecidos a recollelas, nunha manobra de distracción pensada para desviar a atención de protagonista da cerimonia con ánimo de conseguir que apenas sentise nada.

Impresionado por todo canto acababa de ver e oír, abandonei a Mesquita do Barbeiro e dirixín os meus pasos cara á fonte de Bir Barouta, unha das máis antigas da Tunisia, na que coñecín unha sorprendente historia que me deixou completamente abraiado, ao tempo que me permitiu afondar aínda un pouco máis na importancia de Kairouan coma cidade sagrada do islam, porque, de acordo co que conta a lenda, esta fonte, que consiste nunha nora de madeira movida por un dromedario, está no lugar onde o cabalo do fundador da cidade, o xeneral Uqba Ibn Nafi, sufriu unha caída que provocou que do chan saíse un xeneroso manancial que nunca chegou a secar e disque ten comunicación subterránea co pozo sagrado de Zamzam, que está na Gran Mesquita da Meca, o lugar máis sagrado do mundo musulmán, e a proba de que isto é certo é que, polo visto, os traballadores que estaban a construír a fonte, alá polo século XVII, desenterraron unha bandexa de ouro que se perdera na Gran Mesquita da Meca moitos anos atrás.

Abandonei Kairouan despois da miña segunda viaxe coa grata satisfacción de saber que seguía a ser tan tremendamente acolledora como a primeira vez que a visitara e levaba na mente aquela frase de Antonio Machado que dicía que ás palabras de amor lles senta ben un pouquiño de exaxeración, pero eu pensaba que ás lendas desta cidade tan sagrada parece que lles senta moi ben un aquel de imaxinación.

© Xesús Constela, 2024