Retallos de mundo: George Town, Penang

Poio
17 de outubro 2021

O meu primeiro contacto coa cidade de George Town, capital do estado de Pulau Penang, a illa pegada á costa do oeste de Malaisia á que agora se accede por dúas longas pontes, foi baixo a calor pegañenta e húmida dunha noite tropical, e hei recoñecer que a experiencia que vivín resultou en principio un tanto desconcertante

Interior do templo chinés de Han Jiang
Interior do templo chinés de Han Jiang / Xesús Constela

O meu primeiro contacto coa cidade de George Town, capital do estado de Pulau Penang, a illa pegada á costa do oeste de Malaisia á que agora se accede por dúas longas pontes, foi baixo a calor pegañenta e húmida dunha noite tropical, e hei recoñecer que a experiencia que vivín resultou en principio un tanto desconcertante. Camiñaba por unha das súas rúas cando escoitei unha música que viña dun aparcadoiro ao ar libre no que unha compañía de teatro estaba a representar unha ópera chinesa con todo luxo de vestimentas, máscaras e atrezzo perante dúas ou tres ringleiras de cadeiras completamente baleiras situadas entre os coches aparcados. A primeira impresión, loxicamente, foi de fonda mágoa polos actores e actrices que, cunha exquisita coreografía quen sabe cantas veces ensaiada, estaban a actuar ante unha máis que evidente ausencia de público. Que fracaso, pensei, mais a ningunha das persoas que por alí pasaban parecía importarlle nin o máis mínimo. A longa obra, recitada con fondo de música tradicional interpretada por unha banda situada nun lateral do gran escenario, parecía falar de vitoriosos guerreiros que vencían os máis variados monstros que pretendían atacalos (dragóns, leóns xigantes…) nunha sorte de metáfora de derrota do mal a mans do ben.

Xusto en fronte do escenario había un enorme templo portátil montado para a ocasión repleto de candeas e varas de incenso a arder e de persoas a facer curiosas ofrendas de todo tipo. Había centos de billetes falsos de diferentes cantidades, roupa de papel para home e para muller… e, en medio de todo unha enorme mesa elegantemente decorada para un soberbio banquete con todo tipo de pratos e unha boa colección de bebidas, maioritariamente botellas de cervexa das marcas máis caras, que as persoas que facían as ofrendas traían das súas casas. Mesmo había un porco enteiro asado deitado nunha elegante fonte de cartón pintada de tonalidades douradas. Pero non había ninguén sentado nas cadeiras nin trazos de que nalgún momento alguén fose acudir ao festín. A xente entraba no templo, deixaba as viandas sobre a elegante mesa, acendía candeas ou varas de incenso e despois marchaba.

Teatro sen espectadores e un banquete sen comensais. Cal podía ser o obxectivo desta tan estraña celebración? Sen pretendelo, acababa de chegar a George Town en plena celebración do Phor Thor, a "festa das pantasmas famentas".

Entre os días catorce e quince do sétimo mes do seu calendario os chineses de Penang pensan que as portas do inferno se abren e as almas mortas (as pantasmas famentas) quedan liberadas e percorren as rúas dos vivos, que deben impedir toda costa o contacto con elas porque poderían levalos ao inferno, e por iso organizan esas grandes representacións teatrais para que estean distraídas e non os molesten ao tempo que tamén lles preparan suculentos banquetes para que queden ben fartas e regresen ao lugar de onde nunca deberían saír. Por iso había tantas cadeiras baleiras fronte ao escenario e arredor da mesa do banquete. En realidade estaban ocupadas polas pantasmas!

Ao longo de varias horas fun apaixonada testemuña de varias celebracións como esta que veño de describir e doutras aínda maiores, con pratos máis apetecíbeis (que ninguén ía comer) e bebidas máis caras (que ninguén ía beber) sobre as mesas.

A cidade de George Town, que nunca tivo nome en malaio nin en chinés porque foi fundada pola británica East India Company a finais do século XIX como importante porto para o tráfico de barcos cargados de especias, era nos anos previos á Primeira Guerra Mundial unha especie de terra de ninguén chea de fumadeiros de opio e de prostíbulos de toda caste e condición, e, polo seu carácter de cidade portuaria, un cruce de camiños de xentes das máis variadas procedencias, que se encargaron de construír a beleza multicultural que se pode admirar a día de hoxe.

O seu centro histórico é un abraiante mosaico de culturas entre as que predominan os indios, os malaios e os perakanans, estes últimos maioritarios e descendentes dos primeiros chineses que se instalaron no lugar, que parecen vivir nun clima de feliz convivencia logo de que en varias ocasións a cidade se vise sumida en atroces enfrontamentos raciais que agora parecen simplemente historia.

Verdadeira amálgama de culturas, camiñar pola cidade adiante supón a maior parte das veces pasar dun barrio marcadamente chinés decorado con farois vermellos a colgar sobre a calzada a outro abertamente musulmán construído arredor dunha mesquita ou a outro no que predomina a cultura india con postos de comida que desprenden cativadores recendos das máis variadas especias e rechamantes templos decorados con coloridas imaxes de deuses hindús, todo en medio dunha fascinante harmonía racial que fai que non sexa difícil atopar nunha mesma rúa un templo chinés e outro hindú a uns metros dunha mesquita ou dunha igrexa cristiá.

Esta variedade racial provoca tamén que George Town sexa un importante centro gastronómico, dos máis atractivos do sueste asiático, onde se pode degustar unha longa variedade de pratos completamente diferentes dependendo do lugar onde se estea, porque a cidade está inzada de postos de comida e hai mercados cubertos onde a xente acude día e noite para gozar dos suculentos pratos que alí se venden.

E todas estas persoas viven nunha cidade na que a arquitectura civil resulta moi atractiva. As rúas do centro histórico, declarado patrimonio da humanidade pola Unesco no ano 2008, son labirintos de casas da mesma feitura en diferentes estados de conservación salpicadas de cando en vez por fermosos edificios da época colonial inglesa e os moi diversos templos dos que xa falei. Hai incluso un tipo de edificacións propias do lugar chamadas Kongsis, casas onde tiñan as súas sedes os clans primixenios chineses asentados na cidade, organizacións familiares nas que unha sorte de xefe dirixía as vidas dos seus achegados e estaban consideradas como "sociedades secretas" polos ingleses, que lles atribuían certas actividades de carácter mafioso. O luxo destes edificios dá idea da riqueza e o poder dos seus habitantes.

Pero as vivendas que máis chamaron a miña atención están no que se coñece comoJettis, últimos vestixios dos asentamentos chineses na cidade, que son barrios completos de casas de madeira construídas sobre columnas cravadas no fondo do mar na zona portuaria. Inicialmente foron lugares destinados á carga e descarga de mercadorías dende as sampanas, os barcos tradicionais chineses, pero co paso do tempo acabaron convertidos en pequenas aldeas onde os seus habitantes a día de hoxe non pagan ningún tipo de imposto porque as súas vivendas non están asentadas na terra senón no mar. Camiñar sen un rumbo fixo polas "rúas" de madeira destes singulares barrios é unha experiencia única.

E por se fose pouco todo isto que levo enumerado, non podo esquecer que outra das cousas que a día de hoxe mellor definen George Town é a arte na rúa, dende que na década de 2010 o goberno de Penang encargara ao estudio Sculpture at Work unha colección de figuras de aceiro para as instalar en diversos muros e convidara ao artista lituano Ernest Zacharevic a decorar diferentes puntos da cidade con fermosos grafittis que moitas veces combinan obxectos como motos, bancos ou bambáns cos elementos arquitectónicos.

Decididamente George Town é unha cidade tan singular, tan fermosa e tan viva que, de ter que escoller un lugar do sueste asiático para pasar unha longa tempada non tería dúbida ningunha de que estaría entre as miñas favoritas.

Con permiso das pantasmas famentas, claro está.

 

© Xesús Constela, 2021