Retallos de mundo: As ruínas da grande Éfeso

Poio
31 de outubro 2021

Poderíanse escribir milleiros de teorías acerca das razóns polas que moitas persoas nos sentimos atraídas polas ruínas, independentemente de que sexan edificios de vivendas, centros industriais de maior ou menor tamaño, sedes políticas, culturais ou deportivas ou cidades completas que ficaron abandonadas ou destruídas polos motivos que fose, guerras, terremotos, incendios devastadores, catástrofes nucleares ou grandes erupcións volcánicas

Casa das Caeiras (4)
Casa das Caeiras (4) /

Poderíanse escribir milleiros de teorías acerca das razóns polas que moitas persoas nos sentimos atraídas polas ruínas, independentemente de que sexan edificios de vivendas, centros industriais de maior ou menor tamaño, sedes políticas, culturais ou deportivas ou cidades completas que ficaron abandonadas ou destruídas polos motivos que fose, guerras, terremotos, incendios devastadores, catástrofes nucleares ou grandes erupcións volcánicas. Vallan como exemplos disto que digo o interese que espertan os tristes esqueletos dos edificios da cidade de Pripyat, na Ucraína, tras a explosión da central de Chernóbil, ou os fascinantes restos de Pompeia, para sempre soterrada baixo a lava e as cinzas do Vesubio.

Cada vez que teño ocasión de contemplar ruínas a miña mente, dun xeito inevitábel, comeza unha viaxe por arrevesados camiños de dúbidas que, dende un pasado máis ou menos remoto, acaban por me situar en fronte do que podería ser o futuro de todo canto vivimos no noso día a día. Supoño que xusto por iso sempre me sinto atraído con abraio por un indiscutíbel magnetismo do que tardo un bo tempo en me poder desprender.

Lin unha vez no libro In Ruins de Christopher Woodward as seguintes palabras: "Cando contemplamos as ruínas, contemplamos o noso propio futuro. Para os estadistas, as ruínas predín a caída dos imperios e para os filósofos a inutilidade das aspiracións do home mortal. Para un poeta, a decadencia dun monumento representa a disolución do ego individual no fluxo do tempo; para un pintor ou arquitecto, os fragmentos dunha antigüidade poñen en dúbida o propósito da súa arte."

Percibo que as ruínas, xa que logo, conteñen unha serie de mensaxes que necesito descifrar sempre que me atopo diante delas, e iso foi exactamente o que sentín cando tiven ocasión de visitar o que nalgún momento foi a grande Éfeso, unha urbe enorme cuxos restos, na localidade turca de Selçuk, no oeste da península de Anatolia, están situados a unha considerábel distancia da costa malia que no seu esplendoroso pasado a cidade chegou a ter un importante porto nas beiras do Mar Exeo do que xa non fica nin unha soa pedra.

A primeira noticia que se ten das orixes da grandiosa urbe que os gregos coñeceron como Ephesos e os romanos como Ephesus e que nos tempos de Heródoto, o pai da historia occidental, era unha das doce integrantes da Liga Xónica da Grecia Antiga, está envolta nas brumas dunha fermosa lenda que fala da súa fundación por parte das amazonas, as afoutas mulleres guerreiras que loitaban comandadas pola raíña Hipólita.

Dado o estratéxico emprazamento no que foi construída, a cidade foi pasando de man en man a medida que se ían sucedendo invasións e conquistas, de tal xeito que formou parte dos dominios dos persas e logo dos gregos antes de ser conquistada por Alexandre o Grande. Posteriormente acabou pertencendo ao Imperio Seléucida e tamén ao Exipto dos Tolomeos, para acabar sendo entregada ao Imperio Romano, tras cuxa caída entrou en decadencia, sufriu dous devastadores terremotos e foi invadida primeiro polos árabes e despois polos otománs para acabar completamente destruída polas tropas mongois de Tamerlán xa entrado o século XV. Poucos lugares hai no mundo que ao longo dos séculos pasasen por tantas vicisitudes e fosen quen de poder sobrevivir.

Despois da súa destrución total e de caer no máis terríbel dos esquecementos houberon pasar case trescentos anos para que espertase o interese do Museo Británico que, a cambio dos dereitos de propiedade sobre calquera antigüidade que se puidese descubrir, encargou a súa escavación ao arqueólogo John Turtle Wood para ver se era capaz de encontrar o desaparecido templo de Artemisa, unha das sete marabillas do mundo antigo, que durante máis de dous mil anos fora un dos principais centros políticos, económicos e relixiosos de Asia Menor e contaba con cento vinte columnas das que a día de hoxe soamente fica unha logo de ser saqueado polos godos alá polo ano 262.

Foi durante o dominio romano cando a cidade de Éfeso acadou o seu punto de máximo esplendor baixo a denominación de "primeira e máis grande metrópole de Asia". Tiña máis de douscentos cincuenta mil habitantes e nun dos seus lugares de maior relevancia, xusto no cruce da Vía dos Curetes e a Vía de Mármore, as dúas rúas principais da cidade, contaba co edificio que a día de hoxe mellor se conserva e que espertou o meu máis grande interese: a fascinante biblioteca de Celso, un lugar que non pode deixar impasíbel a ningún amante do mundo dos libros e a palabra escrita.

Trátase dun suntuoso edificio construído a comezos do século II en memoria de Tiberio Xulio Celso Polemeano, procónsul de Asia, cuxo sarcófago se atopa na cripta porque grazas á súa riqueza se puideron sufragar a construción do edificio e mais a súa primeira dotación de documentos.

Percibo que as ruínas, xa que logo, conteñen unha serie de mensaxes que necesito descifrar sempre que me atopo diante delas

O deseño da biblioteca elaborouse seguindo de xeito estrito os principios arquitectónicos expostos nos tratados de Marco Vitruvio e levantouse sobre unha plataforma orientada ao sol do amencer para que nas salas de lectura se puidese aproveitar ben a brillante luz do sol da mañá.

A fachada, que ten tres entradas adornadas con impoñentes columnas de mármore e grandes fiestras, presenta un abraiante estado de conservación logo de sucesivas restauracións, e o seu interior, que nunca foi reconstruído, consistía nunha soa habitación que tiña diversos ocos rectangulares nas paredes con armarios e andeis para preservar os seus fondos, doce mil rolos de papiro, unha cantidade de documentos que a converteron na terceira biblioteca máis grande do mundo antigo detrás das de Alexandría e Pérgamo.

Chantado en fronte da súa fachada, non me resultou nada difícil imaxinar as persoas que subían polos chanzos das súas escaleiras, ávidas de lectura e de coñecementos, alleas ao fervedoiro de actividade que de seguro que invadía as rúas dadas as dimensións que teñen as ruínas da cidade.

De collermos a Vía dos Curetes, que conserva parte dos seus mosaicos orixinais e recibe o seu nome dos mitolóxicos sacerdotes encargados de manter vivo o lume sagrado, poderemos camiñar por un verdadeiro museo en proceso de escavación repleto de restos de fermosas vivendas coas paredes decoradas con frescos e unidas entre si por soportais que protexían os peóns das inclemencias do tempo e lles permitían dirixirse a diferentes servicios públicos como latrinas, baños ou un bordel, ademais de servir de acceso ao templo de Hadriano, á Porta de Hércules e mais a unha ágora comercial.

E de subirmos por unha vía moi empinada poderemos achegarnos aos restos dun gran teatro que conta cunhas espectaculares gradas nas que se estima que collían unhas vinte e cinco mil persoas que se reunían para presenciar espectáculos teatrais, circenses ou de gladiadores.

Pode ser que por eses caprichos que teñen as reviravoltas da historia a algarabía da vida desaparecese para sempre das rúas da grande Éfeso, pero podo asegurar que non custa traballo ningún evocar todo o esplendor da cidade nos seus mellores momentos simplemente con darmos un vagaroso paseo entre as súas ruínas mentres a contemplamos coa mesma ollada que poñemos cando camiñamos polos lugares onde vivimos.

Nos calorosos veráns efesios non só rompen o silencio os cantos incesantes e monótonos das chicharras. Se aguzamos un pouco os ouvidos non tardaremos en observar que as pedras tamén poden falarnos.

Hai alguén que se atreva a dicir que non teñen nada que nos contar?

 

© Xesús Constela, 2021